RESPIRA 26 · SESIÓN INAUGURAL · SON NOVE E NON VAN SER DEZ

DATOS BÁSICOS

ALGUÉN QUE RESPIRA! IX FESTIVAL DE POESÍA PARA CORPO PRINCIPAL

Tras a lectura do Manifesto do Día da Poesía da man de Olga Novo, e conducidos por dúas voces xa lendarias da regueifa, Lupe Blanco e Manolo Maseda, entramos no Teatro Principal para a sesión inaugural do Alguén que respira!. Será, sen dúbida, un dos programas máis emocionantes do encontro, un percorrido pola memoria dos nove anos de festival que non mira só ao seu pasado senón que subliña as liñas básicas da súa programación e unha proxección cara ao futuro. Deste xeito, haberá memoria visual do propio festival xunto a un recital que trae a poesía de Simon O’Faoláin como representante dese espírito de irmanamento coas linguas da nosa área cultural, neste caso Irlanda. Da illa celta é O’Faoláin, o poeta máis importante da literatura gaélica actual. Canda el, Andrea Nunes Brións, unha das figuras emblemática da literatura das identidades en Galicia. Nela, o Respira! simboliza a súa propia memoria, recuperando unha das mulleres que protagonizaron un dos fitos do festival: o recItal O ruido do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas), que teceu en 2022 o fío interxeracional femenino máis prodixioso da literatura galega, desde a xa falecida Luz Pichel a Alba Cid e Elvira Ribeiro, pasando por Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Chus Pato ou Eva Veiga. O programa da xornada inclúe a Elsa Moreno, personalidade de singular relevancia  na poesía performática valenciana, que representa os estreitos vínculos do Respira! co Vociferio de Valencia. Por último, pecha a xornada Cristal Méndez Queizán, poeta que regresou recentemente á escena coa súa proposta de música e poesía. É toda unha declaración de futuro cunha muller que leva nos seus apelidos os das dúas persoas que escribiron os dous primeiros manifestos do festival: María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Duración: 
90 MIN
Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349

 

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Mércores, 18 Marzo, 2026
19:15
Teatro Principal