

Do mércores 18 ao sábado 21 de marzo, o Teatro Principal acolle unha nova edición do Festival de poesía para corpo principal, con recitais, conversas, cinema e propostas performáticas arredor da palabra
A poeta Olga Novo lerá desde o balcón do Teatro Principal o Manifesto Galego polo Día Mundial da Poesía para introducir un programa que reúne corenta voces creadoras aglutinadas pola palabra
Todas as actividades son de balde, algunhas delas previa retirada anticipada de convites na web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C
Do mércores 18 ao sábado 21 de marzo, o Teatro Principal acollerá a novena edición do ‘Alguén que Respira!’ Festival de Poesía para Corpo Principal, unha cita que reunirá en Compostela poetas, artistas, pensadoras e pensadores arredor dun programa que combina recitais, conversas, cinema, ciencia e propostas performáticas. A poeta Olga Novo será a encargada de ler este ano o Manifesto Galego polo Día Mundial da Poesía nunha edición que sitúa a memoria como eixo central da súa programación.
O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, baixo a dirección do poeta Antón Lopo.
Os detalles da programación foron presentados este venres nunha rolda de prensa coa participación da concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director do festival, Antón Lopo.
De esquerda a dereita, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o director do festival, Antón Lopo, na rolda de presentación.
Durante a presentación, Míriam Louzao salientou o valor do Respira como “espazo que fai da palabra poética un lugar de encontro entre creadores e creadoras, entre disciplinas artísticas e tamén entre xeracións e públicos moi diversos” consonte ao entendemento de que “a poesía é moito máis que un xénero literario; é unha forma de coñecemento, é unha maneira de mirar o mundo e tamén é unha ferramenta para pensármonos como comunidade”.
Pola súa parte, Valentín García lembrou a contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega que representa o Respira evindenciando “a capacidade de creación dos nosos creadores e creadoras, e a poesía como un dos buques insignia dentro da nosa estrutura e da nosa capacidade de articulación cultural”.
O director do festival, Antón Lopo, recoñeceuse emocionado polo desenvolvemento desta edición que será a súa derradeira á fronte do Respira, unha edición que, lembrou, se dedica “á memoria e á memoria da cidade”. Lopo puxo en valor un certame que conseguiu chegar a través da palabra a máis de 10.000 espectadoras e espectadores e, tras debullar o programa de 2026, concluíu a súa intervención facendo ecoar o lema da edición “levamos nove anos facendo poesía coa respiración, ritmo coa vida, luz coas mans, escrita cos ollos, realidade coa lingua. Somos un corpo que se constr na voz, e no seu propio corpo, un corpo, sobre todo, que ama, un instante que observa o mundo e que o pensa”.
Un programa arredor da memoria, a palabra e a experiencia
A programación abrirá o mércores 18 de marzo no ambigú do Teatro Principal ás 12 horas cun café-faladoiro entre Carlos Spuch e Isabel Gey, que abordarán a relación entre alzheimer, memoria e literatura, propoñendo unha reflexión sobre os límites da lembranza e a experiencia do esquecemento.
Esa mesma tarde, ás 19 horas, a poeta Olga Novo lerá desde o balcón do Teatro Principal o Manifesto Galego polo Día Mundial da Poesía, antesala dun recital inaugural conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Manolo Maseda, que acompañarán o público desde a rúa ata o interior do teatro. A sesión reunirá voces como a da galega Andrea Nunes Brións, o poeta irlandés Simon Ó Faoláin, a performer Elsa Moreno e Cristal Méndez Queizán, que presentará a súa proposta de poesía e música.
O xoves 19, o historiador e arqueólogo Xurxo Ayán ofrecerá A telón baixo, unha intervención escénica no interior do escenario do Teatro Principal que explora a poesía vinculada á guerra española a través de documentos, imaxes e testemuñas, coa participación de Olga Novo. A xornada culminará coa sesión Poesía para corpo principal, que reunirá voces de distintas linguas peninsulares como Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Xabier Cordal, Raquel Patriarca e Ana Rosetti.
O venres 20, o café do ambigú contará coa presenza do escritor e neurocientífico Germán Sierra, quen falará da relación entre literatura, memoria e cerebro. Á tardiña terá lugar Letras novas, recital protagonizado polo estudantado premiado nos galardóns Respira!, que este ano reciben Mario Blanco Boullosa, na categoría de estudantado universitario, co poema Onte fomos nenos e xa non; Mencía Rodríguez Lorenzo, no apartado de estudantes de Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grao, co traballo Non me lembro de nada; Lucía Gaute Fernández, entre o estudantado de E.S.O co poema A memoria; e, finalmente, Carmen Fernández Castillo, estudante de primaria co seu poema Sitch. A noite continuará cunha edición especial de Poesía para corpo principal na que a música e a palabra se fusionarán da man de figuras destacadas da escena galega como Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico.
O sábado 21, Día Mundial da Poesía, o director Iván Castiñeiras protagonizará o último café-faladoiro cunha conversa arredor da relación entre imaxe e poesía a partir da súa película Deuses de pedra, que se proxectará a continuación no mesmo teatro.
Xa pola tarde, a partir das 18 horas, o público poderá participar en Atravesei a cerca, unha das actividades máis singulares do festival, que permite percorrer espazos habitualmente ocultos do Teatro Principal mentres se escoitan intervencións poéticas de Alexandre Fernández Peón, Ana Romaní e Chus Silva, David Trashumante e Antón Reixa.
A clausura chegará ás 20.30 horas co recital Son nove e non van ser dez, unha proposta que reúne algunhas das voces máis destacadas da poesía performática galega, entre elas Estevo Creus, Nuria Vil, Samuel Merino, Isaac Xubín, Silvia Penas, Lucía Aldao e Nieves Neira xunto con María Grandío, ademais dun recordo para a poeta andaluza Isabel Martín, que deixou unha fonda pegada na historia do festival.
Un festival consolidado no panorama poético
Dende a súa creación, Alguén que respira! consolidouse como unha das citas máis singulares do panorama poético galego e estatal, un espazo aberto á experimentación e ao diálogo entre linguaxes artísticas. O festival aposta polo encontro entre xeracións, pola convivencia entre tradición oral e creación contemporánea e pola exploración da poesía como experiencia colectiva e viva
Entradas
Todas as actividades son de balde, previa retirada de convites (máximo dous por persoa) de forma anticipada web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo de cada un deles. A asistencia aos cafés-faladoiro das mañás no ambigú do Principal é libre sen necesidade de reserva até completar capacidade.