

Entre o 14 ao 18 de abril, a Zona C dá abeiro ao Estudo Fotográfico Migrante no que a artista visual hispano-brasileira reúne retratos e testemuños sobre migración da veciñanza compostelá
A artista e activista Aranxa Vicens e a escritora e investigadora María Alonso compartirán con Angelica Dass unha mesa redonda arredor de memoria, territorio e comunidade o xoves 16 no Auditorio de Galicia
O proxecto Museo Migrante Migrante (MMM), creado e dirixido pola artista e investigadora Angélica Dass, chega a Santiago coa súa versión en Movemento, unha proposta participativa que transforma a cidade nun espazo de encontro arredor das memorias migratorias. Impulsado por Cidalia, con financiamento da Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes, o proxecto concíbese como un arquivo vivo que se constrúe a través da fotografía, a escoita e o intercambio de experiencias, conectando migracións pasadas e presentes desde unha perspectiva de dignidade e dereitos culturais. Tras transitar por distintos puntos das contornas estatal e galega, fai parada en Compostela co apoio do Concello de Santiago.
Angélica Dass, á esquerda, na Zona C.
Entre o martes 14 e o sábado 18 de abril, a Zona C acolle o Estudo Fotográfico Migrante, sesións de retrato e escoita abertas á veciñanza. As persoas interesadas poden participar levando un obxecto, documento ou elemento persoal vinculado á súa historia de tránsito. Estas sesións, que se desenvolven o martes, mércores, e sábado no horario de apertura do espazo (de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e o venres 17 en horario de mañá (de 11 a 14 horas) permitirán crear novas imaxes e relatos que pasarán a formar parte deste arquivo dixital colectivo da experiencia migratoria así como da exposición itinerante que o Museo Migrante Migrante levará a distintas cidades do páis. A proposta convida a reflexionar sobre a migración como unha condición inherente á experiencia humana, presente nas historias individuais, familiares e colectivas. Para participar só é preciso reservar algunha das sesións dispoñibles no formulario habilitado polo proxecto.
O programa complétase cun encontro aberto ao público o xoves 16 de abril, de 17.00 a 19.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Baixo o título Museo Migrante Migrante: memoria, territorio e comunidade, a sesión contará cunha intervención de Angélica Dass, que compartirá os procesos e metodoloxías do seu traballo artístico, no que a fotografía funciona como ferramenta para cuestionar categorías sociais como a identidade, a raza ou a pertenza. A conversa continuará cunha mesa redonda na que participarán Aranxa Vicens —artista e integrante de Corpos en Resistencia e activista en Resistencia en Terra Allea e Casa Comunitaria Aluandê— e María Alonso —escritora, investigadora e comisaria da exposición Emigrantas: emerxer do silencio—, achegando diferentes perspectivas sobre as experiencias migratorias desde o contexto galego contemporáneo. Neste caso, a asistencia é tamén de balde e libre até completar a capacidade da sala
Angélica Dass é unha fotógrafa hispanobrasileira cuxa práctica combina imaxe, investigación e participación social para defender os dereitos humanos. É a creadora do recoñecido proxecto Humanae, unha serie fotográfica en evolución que celebra a diversidade da cor humana e actúa como un manifesto visual contra o racismo. A súa obra expúxose en espazos como o Foro Económico Mundial, Nacións Unidas, o American Museum of Natural History, PhotoEspaña. Fotografi ska e museos como o de Montreal, La Haya, Lausana, Ciudad de México e São Paulo, ademais de aparecer en medios como National Geographic, Foreign Affairs e a BBC.
Alén dos museos, o seu traballo ten unha forte compoñente educativa. Desenvolveu proxectos en institucións de todo o mundo, impactando a miles de estudantes en contextos tan diversos como escolas públicas de Nova Iork, centros educativos do País Vasco ou programas da UNESCO en Chile. En 2021 publicou The Colors We Share con Aperture, xunto a unha guía didáctica hoxe implementada en escolas estadounidenses. Tamén é unha oradora recoñecida, con conferencias en TED, a Tate Modern, a Universidad de Salamanca ou o Foro Económico Mundial.