

A actriz protagoniza un dos espectáculos máis recentes de Pentación, con texto de Athol Fugard, que versiona e dirixe Claudio Tolcachir e que conta tamén no elenco con Natalia Dicenta e Carlos Olalla
A programación de Compostela Cultura para o trimestre inclúe ademais numerosos espectáculos para público familiar como Va de Bach de Aracalanza, Rube de Alodeyá, 28é Circ d’Hivern-Glatir de Ateneu Popular 9 Barris, Llar da Compañía Federico Menini e Nanuq da Cía Voël.
As entradas para todos eles estarán á venda a partir deste martes 23 de setembro na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural
O Auditorio de Galicia acollerá no último trimestre do ano unha programación escénica variada e pensada para todos os públicos, na que destacan a danza, o circo e o teatro de gran formato.
A axenda escénica arranca o sábado 11 de outubro ás 18.00 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio con Va de Bach, da compañía Aracaladanza, unha espectáculo de danza contemporánea inspirado no universo de Johann Sebastian Bach, e cheo de humor, imaxinación e poesía visual. Dirixida por Enrique Cabrera, a peza convida a público de todas as idades —dos cinco anos en diante— a gozar libremente dunha experiencia sensorial que combina música, luz, movemento e escenografía, sempre coa inspiración revolucionaria do compositor como motor creativo. Va de Bach é unha festa para a imaxinación que busca emocionar, divertir e sorprender tanto ao público miúdo como ao adulto. O espectáculo é unha coprodución do Real Teatro de Retiro e a Comunidade de Madrid que forma parte do circuíto Danza a Escena do INAEM.
O sábado 8 de novembro será a quenda de Rube, unha sorprendente proposta de circo da compañía Alodeyá, que combina física e humor botando man dunha máquina de Rube Goldberg que cobra vida sobre o escenario e desencadea asombrosos e divertidos efectos dominó. Movementos hipnóticos dos malabares con tubos imantados, bolas, diábolos e mazas de luz programadas ao microsegundo forman un espectáculo baseado nas leis da física levado a cabo por dous enxeñeiros con case vinte anos de traxectoria escénica. Física e circo fúndense co humor para poñer en escena Rube. Este espectáculo para ver en familia, que forma parte do circuíto Circo a Escena no INAEM, comezará ás 18.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.
Va de Bach, de Aracaladanza (esquerda) e Rube, de Alodeyá, (dereita) arrancan o calendario escénico de Compostela Cultura no último trimestre.
A seguir co foco no circo e na súa confluencia con outras disciplinas, a Sala Ángel Brage acollerá o venres 28 de novembro ás 20.30 horas, a peza Glatir, unha produción do Ateneu Popular 9 Barris, no marco da temporada Circ d’Hivern, que reflexiona sobre a tradición a través do circo contemporáneo. Os capgrossos, o aurresku, as fallas e outros elementos do folclore peninsular toman parte neste espectáculo no que conflúen a danza, o teatro e o circo da man de cinco artistas que dominan a pértega chinesa, a acrodanza, as verticais e os trapecios fixo e Washington. Trátase dun espectáculo pensado para todos os públicos, a partir dos 8 anos de idade, igualmente incluído no circuíto Circo a escena do INAEM.
A Sala Mozart servirá tamén de carpa o 30 de novembro ás 18.00 horas para Llar, un delicado traballo circense da compañía Federico Menini, recoñecido cos premios ao Mellor Espectáculo de Circo e Mellor Artista de Circo nos Premios IVC das Artes Escénicas Valencianas en 2024 e encadrado do circuíto Circo a Escena do INAEM. En Llar, (en galego, “lar”) o malabarista constrúe unha historia sobre elementos de madeira en equilibrio e desenvolve unha linguaxe propia chea de sorpresas. Con ela, convídanos a reflexionar sobre a creación dun fogar e a procura das nosas raíces.
28é Circ d’Hivern-Glatir, de Ateneu Popular 9 Barris (esquerda), e Llar da Compañía Federico Menini (dereita), son dous dos espectáculos circenses que poderán verse en novembro no Auditorio de Galicia
O mes de decembro garda aínda dúas citas especiais. A primeira delas, o sábado 13 de decembro, é a da presentación en Compostela de Camino a la Meca, de Pentación Espectáculos Lola Herrera protagoniza esta conmovedora obra de Athol Fugard dirixida por Claudio Tolcachir. Nela, unha muller maior, libre e inconformista, decide enfrontarse ás convencións sociais do seu tempo para defender a súa independencia, a súa creatividade e a súa propia maneira de entender a vida. Xunto a Natalia Dicenta e Carlos Olalla, Herrera pon corpo e voz a unha historia sobre a loita pola liberdade persoal e a valentía de ser diferente, nunha das citas máis esperadas do calendario cultural. Comezará ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage.
O calendario péchase no mesmo espazo o sábado 20 de decembro, ás 18.00 horas con Nanuq da Cía Voël, unha historia de amizade sen barreiras contada con acrobacia, danza e marionetas, pensada especialmente para o público máis novo. A peza, enmarcada no circuíto Circo a escena, amosa como dous corpos e dúas máscaras poden, a través da poesía visual e a acrobacia, xerar un mundo onírico para público de 2 anos en diante.
A obra teatral Camino a la Meca (esquerda), con Carlos Olalla, Lola Herrera e Natalia Dicenta, e o espectáculo Nanuq (dereita) da Cía Voël centran a axenda de decembro.
As entradas para todos estes espectáculos estarán dispoñibles a partir deste martes, 23 de setembro, ás 11 horas na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o día de cada espectáculo dende unha hora antes do seu comezo.
Con esta programación, Compostela Cultura reafirma o seu compromiso coa diversidade de linguaxes escénicas e coa oferta de propostas de calidade para todos os públicos. O calendario escénico para do trimestre aínda reserva novos espectáculos e eventos para público familiar, todos eles de balde, que se darán a coñecer nos próximos días.