

O Colectivo Glovo abre a programación o luns 11 ás 20 horas co espectáculo 'Trïade' no cemiterio de Bonaval
A Casa das Máquinas dará acubillo ao laboratorio de movemento que o Colectivo RPM desenvolve en colaboración coa artista e coreógrafa Tânia Carvalho e que dará lugar a unha peza colectiva que se presentará ao público o propio día 14 ás 20.30 horas no mesmo espazo
A axenda semanal garda tamén lugar para unha nova sesión de contos no parque de Bonaval da man de Tropa de Trapo, para a poesía popular nas voces de Brincadeira na Alameda, e para as acrobacias do Duo Lagos na praza Quintana
Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o Festival C conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM)
Todas as actividades son de balde até completar capacidade
A sexta edición do Festival C chega á súa segunda semana cunha programación que outorga un lugar especial para a danza.
O luns 11 ás 20 horas, o Colectivo Glovo presentará no cemiterio de Bonaval Trïade , unha peza que ten como punto de partida a necesidade de xuntarse, vincularse e bailar desde o coidado e a escoita. Con marcado carácter ritual e unha forte carga sensorial, Trïade mergúllanos nun universo onde a memoria das devanceiras e as raíces culturais son invocadas como forza transformadora. A través da danza, da música e da complicidade entre corpos e presenzas, a escena transfórmase nun territorio onde os vellos símbolos se reactivan desde novas linguaxes e perspectivas.
Con música de Baiuca e Mercedes Peón, a peza conta coa interpretación de Esther Latorre, Sybila Gutiérrez e Paula Serrano, baixo a dirección creativa de Latorre e Hugo Pereira. A súa presentación en Compostela forma parte do circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). A asistencia é libre e de balde.
A seguir coa programación vencellada ás artes do movemento, Festival C abeira tamén esta semana un laboratorio de creación e movemento, promovido polo Colectivo RPM e coa participación da recoñecida coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho. Do luns 11 ao xoves 14 de agosto, o laboratorio propón unha exploración compartida que parte de dúas obras de Carvalho para crear unha peza colectiva inspirada neses materiais, na súa linguaxe coreográfica e nas súas atmosferas. Baixo o título de Tecer o corpo, habitar a sombra, a iniciativa resultará nunha obra de creación colectiva que poderemos ver o xoves 14 de agosto ás 20.30 horas na Casa das Máquinas. A asistencia é tamén de balde até completar a capacidade do espazo
Contos e música no parque para público miúdo
A zona dos arcos do parque de Bonaval acolle o martes 12 unha nova cita do ciclo de narración do Programa Apego co espectáculo Contos para nenas grandes e pequenas, da compañía Tropa de Trapo. Será ás 18.00 horas, nun espazo pensado para compartir mantas, merendas e historias que convidan a escoitar, participar e socializar en galego.
Esta proposta mestura narración oral e música en directo para ofrecer unha experiencia escénica sensible e comprometida, dirixida tanto ao público infantil como adulto. A través dunha escolma de contos e cantos protagonizados por mulleres de todas as idades, Contos para nenas grandes e pequenas reivindica a forza da palabra e da memoria como ferramentas de transformación social. As historias que compoñen a peza falan de valentía, coidado, resistencia e afectos. A asistencia a este espectáculo, recomendado para a rapazada de 3 anos en diante, é libre até completar capacidade.
A poesía popular galega na voz das cantereiras de Brincadeira
O mércores 13 ás 20 horas gozaremos dunha nova sesión do ciclo Por que non cantades todas?, unha proposta que enche o paseo da Ferradura da Alameda coa forza da tradición oral e a música popular galega. As cantareiras e pandeireteiras de Brincadeira serán as encargadas de continuar con esta serie de encontros que poñen no centro o papel fundamental das mulleres na preservación e transmisión da poesía e da expresión musical da nosa terra.
Dende Brincadeira devolven á luz as palabras das nosas avoas, as melodías do traballo no campo e os sons das festas populares. O seu espectáculo conecta co presente dende a raíz, dándolle voz ás mulleres que, coa súa creatividade e sabedoría popular, seguen sendo columna vertebral da cultura galega.
Acrobacias e risos na praza da Quintana
O Duo Laos chega ao Festival C o xoves 14 ás 19.30 horas cunha proposta que combina comedia e acrobacia para convidar á reflexión e ao riso a partes iguais. Ovella Negra é un espectáculo que, entre reviravoltas espectaculares e moito humor, rende homenaxe a todas aquelas persoas que, por seren diferentes, tiveron que agochar a súa identidade para poder desenvolverse e expresarse nun mundo que non sempre comprende nin acepta a diversidade.
Interpretada por Mercedes Martín e Pablo G. Raffo, con dirección de Matias Plaul e escenografía de Elisabetta Cau, Ovella Negra é unha proposta coidada ata o mínimo detalle, que emprega o humor e o movemento como ferramentas para falar de autoestima, aceptación e coraxe. Unha comedia acrobática que nos convida a recoñecer e valorar a singularidade de cadaquén.
O Festival C
O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Até o 28 de agosto, a súa sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.


