

A Fran Sieira Compañía de Danza desenvolverá o luns 25 de agosto no Auditorio de Galicia un obradoiro gratuíto de creación e investigación en danza arredor do seu último espectáculo
O taller afondará nos estereotipos de xénero que adoitan estar presentes presentes no baile tradicional e camiñará cara á construción dunha danza libre de clixés, consciente e respectuosa co corpo
A convocatoria, aberta até o venres 22 de agosto, diríxese a persoas maiores de 16 anos con experiencia no baile tradicional e ofrece 20 prazas que se irán cubrindo por orde de inscrición
As persoas participantes poderán integrarse na representación do espectáculo 'Un baile ceibe en comunidade', que a compañía ofrecerá esa mesma tarde do cemiterio de Bonaval
A Fran Sieira Compañía de Danza tomará parte o luns 25 de agosto no Festival C co proxecto Un baile ceibe en comunidade, un espectáculo de danza que irá precedido dun obradoiro de creación e investigación que combinará formación e participación escénica.
Destinado a persoas maiores de 16 anos con vínculos co baile tradicional galego, o obradoiro desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, e ofrecerá un espazo onde explorar os movementos propios do corpo a partir da tradición, cuestionando os estereotipos de xénero que adoitan estar presentes no baile tradicional. A través dunha práctica tanto individual como colectiva, buscarase o afastamento deses clixés, crear distancia coa normatividade e construír un movemento máis libre, consciente e respectuoso co corpo.
A proposta formativa parte das metodoloxías empregadas no proceso de creación de Un baile ceibe en comunidade, un proxecto escénico que reinterpreta a danza tradicional desde unha perspectiva crítica e contemporánea, poñendo o foco na liberdade expresiva e na ruptura cos patróns normativos. No transcurso da xornada, as persoas participantes aprenderán tamén o material coreográfico necesario para integrarse na parte final dese espectáculo, que se presentará ao público esa mesma tarde, ás 20 h, no cemiterio de Bonaval. Alí, formarán parte dun grupo de corpos danzando ceibes, incorporándose á estrutura escénica da peza e vivindo unha experiencia artística compartida e transformadora.
O chamamento á participación no obradoiro estará aberto até o venres 22 de agosto ou até que se esgoten as 20 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de inscrición no formulario habilitado na web da compañía e na de Compostela Cultura.
A asistencia ao espectáculo no cemiterio de Bonaval é libre e de balde.
A Compañía
Fran Sieira Compañía de Danza fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende un marco contemporáneo. A compañía estuda o movemento a través do baile tradicional galego e utilízao como o seu principal mecanismo de expresión, creando unha linguaxe do movemento de vangarda como reflexo da nosa tradición.
A través da creación colectiva achega proxectos artísticos con vocación social e con moi boa acollida entre o público. Desde as marxes, a compañía crea espectáculos que teñen a vontade de xerar conciencia social e devolverlle á sociedade aquilo co que a inspirou.
A compañía fundouse no ano 2017 pola inquedanza do bailador Francisco Sieira González de dar un paso máis na súa carreira artística, despois de 15 anos impartindo clases de baile e música tradicional en recoñecidas agrupacións dentro da nosa comunidade; e bailando en compañías galegas profesionais como GS21 (2007), Quique Peón e Cía (2011-2012) e Nova Galega de Danza (2016-2018).