Catro espectáculos e un obradoiro circense para a rapazada inauguran esta semana o Festival C

A danza, os contos, a música, a poesía e o circo protagonizan os primeiros días dunha programación gratuíta que chegará á Casa das Máquinas, Bonaval, Galeras, a Alameda e a Quintana
 

O Festival C bota a andar hoxe cunha primeira semana na que a danza, o circo, a narración oral, a música e a poesía sairán ao encontro da cidadanía en distintos espazos de Santiago. Ata o venres 7 de agosto, a programación reunirá catro espectáculos de diferentes disciplinas e o obradoiro de circo para a rapazada, consolidando desde o primeiro día a aposta do festival por achegar a creación contemporánea e as artes de rúa a públicos de todas as idades. 

Circonove abre no parque de Galeras nun espazo de iniciación ao novo circo para a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos. A través de xogos e dinámicas participativas, as participantes poderán achegarse ás acrobacias, os malabares, os equilibrios, o clown ou a creación de xoguetes circenses, nunha actividade que fomenta o traballo en equipo e a creatividade. As sesións, que arrancan sempre ás 11.30 horas, estarán adaptadas a dúas franxas de idade: de 6 a 14 anos o luns e venres, e de 3 a 6 anos o mércores. A participación é gratuíta, con inscrición previa a través do enderezo electrónico circonoveoficina@gmail.com, onde se deberá indicar o nome e idade da persoa participante, así como os datos de contacto da persoa adulta responsable.

A programación escénica comeza tamén este luns ás 20.00 horas na Casa das Máquinas con O que non se ve. Outras miradas, de Et Suseia Danza, unha peza que fusiona danza tradicional galega e contemporánea para reflexionar sobre os micromachismos e reivindicar a memoria e o legado das mulleres a través do movemento. 

O martes, ás 18.00 horas, os Arcos do parque de Bonaval acollerán Hotel Paraíso, de Galeatro, unha proposta de narración oral para público familiar dentro do programa Apego. O espectáculo convida a percorrer un hotel no que cada estancia agocha unha emoción diferente, combinando contos, música e participación do público nun espazo pensado para compartir e socializar en galego. 

O mércores, o paseo da Ferradura da Alameda inaugurará ás 20.00 horas o ciclo Por que non cantades todas? coa actuación do Grupo de Música e Baile Tradicional Brincadeira. O espectáculo reivindica o papel das mulleres do rural como creadoras e transmisoras da poesía popular oral galega, poñendo en valor un patrimonio que atravesa xeracións a través da música e da palabra. 

Esta primeira semana culminará o xoves na praza da Quintana con Royal, un espectáculo de circo-danza cargado de ritmo, humor, emoción e acrobacias. A peza combina o clown poético de Arturo Cobas cos equilibrios en movemento e a danza de Paula Quintas para construír unha historia contada a través da linguaxe do corpo. Elegancia, enredos e complicidades danse cita nunha proposta fresca e chea de humor que fará rir, sorprender e emocionar a persoas de todas as idades.

Agás os obradoiros de circo, que precisan inscrición previa, todas as actividades son de acceso libre e de balde ata completar capacidade.

A información ao detalle de todos os eventos que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. Os cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.