‘Traspielas’ converte a memoria dunha aldea nunha experiencia musical, visual e poética no Teatro Principal

O novo proxecto de Su Garrido Pombo reúne música tradicional, electrónica, experimentación sonora e imaxe para reconstruír a memoria colectiva do territorio desde unha mirada contemporánea
A proposta poderá verse o vindeiro venres 29 de maio ás 20.30 horas dentro do ciclo Fiestra Aberta de Compostela Cultura
 

O Teatro Principal acollerá o vindeiro venres 29 de maio o concerto de Traspielas, o novo proxecto artístico de Su Garrido Pombo, unha creación multidisciplinar que dialoga coa tradición oral, a memoria colectiva e a experimentación contemporánea. A cita, integrada no ciclo Fiestra Aberta, comezará ás 20.30 horas e servirá ademais para pechar o calendario de concertos deste primeiro semestre do programa.

Acompañada por Macarena Montesinos ao violoncello, Iago Ramilo ao saxo, Marco Maril na electrónica e Fran Rodríguez Casal nas artes visuais, Su Garrido Pombo constrúe unha peza escénica na que conflúen música, poesía e imaxe para reivindicar a cultura popular e a memoria viva das comunidades rurais. O proxecto toma como punto de partida cancións tradicionais recollidas na aldea de Traspielas, ás que se suman imaxes actuais e materiais de videoarquivo nunha proposta que conecta pasado e presente desde unha linguaxe artística actual.

A electrónica, a experimentación sonora, a música tradicional e a creación audiovisual conviven así nun espectáculo que procura dar nova vida a un patrimonio inmaterial transmitido xeración tras xeración. O resultado é unha obra que sitúa a comunidade no centro e que transforma os recordos, os relatos e os sons dunha aldea nun espazo de encontro colectivo e creación contemporánea.

O proxecto Traspielas preséntase en Santiago tras o seu paso polas Residencias Artísticas Mariñán e logo de ser seleccionado en encontros profesionais como o MUMi - Músicas no Minho ou o festival Maré.

As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 12 euros e poden adquirirse de forma anticipada a través de compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural —de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas— e  tamén no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo da función. Existen descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.