

O pianista e compositor galego leva este mércores ao Teatro Principal unha proposta na que incorpora por primeira vez a voz como eixe
Faia Díaz, Iago Fernández e Virxilio da Silva completan un cuarteto que mestura tradición, jazz contemporáneo e novas sonoridades
As entradas (12 € con descontos do 50% dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Teatro Principal dende as 19.30 horas
Amorodios, o novo traballo do pianista e compositor galego Xan Campos ecoará este mércores 22 de abril, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal. A cita, incluída no ciclo Fiestra Aberta de Compostela Cultura, propón unha viaxe sonora que amplía os límites do seu universo creativo e abre novas vías expresivas.
Xan Campos é unha das figuras máis persoais e recoñecidas do jazz contemporáneo do país, cunha linguaxe propia que dialoga co jazz europeo máis aberto e coa experimentación sonora. En Amorodios, dá un paso decisivo ao situar a voz e a palabra no centro da súa proposta. A participación de Faia Díaz, unha artista fondamente vinculada á tradición oral galega, introduce unha nova dimensión expresiva que conecta raíz e contemporaneidade. O seu canto achega unha intensidade emocional que transforma o son do grupo e o proxecta cara a territorios máis íntimos e evocadores.
Completan a formación dous nomes fundamentais do jazz galego actual: o batería Iago Fernández, recoñecido pola súa capacidade expresiva e precisión, e o guitarrista e baixista Virxilio da Silva, que suma á proposta unha paleta tímbrica rica, con influencias que atravesan o jazz e o rock.
Amorodios preséntase así como unha síntese e ao tempo unha ruptura: un proxecto que conserva a identidade de Xan Campos ao tempo que a expande, articulando unha música viva, honesta e sen artificios, onde conviven distintas tradicións para dar forma a un discurso novo.
As entradas para o concerto (12 €, con descontos do 50% dispoñibles para diferentes colectivos) están á venda en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán adquirir o día do concerto no despacho de billetes do Teatro Principal, desde unha hora antes do seu inicio.
Fiestra Aberta. Un mapa de voces e resonancias
Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Alén do próximo concerto de Xan Campos, e os de Antía Muíño, SÉS e Rocío Márquez celebrados con anterioridade, dúas novas propostas completarán un programa que fai dialogar tradición e contemporaneidade, memoria e experimentación.
O 3 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará A estrela mostrada, un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.
O último dos concertos anunciados será o 29 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, con Traspielas de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.
A través de propostas coma estas, que se estenderán até final de ano con novos concertos aínda por anunciar, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio do Consorcio da Cidade, o ciclo insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura de Rosalía de Castro e coa súa proxección como referente cultural europeo.


