

O Teatro Principal acolle o 3 de maio, ás 20.30 horas, este concerto incluído no ciclo Fiestra Aberta
As entradas (12 € con descontos do 50% dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Teatro Principal dende as 19.30 horas
O ciclo Fiestra Aberta de Compostela Cultura programa o concerto de presentación de A estrela mostrada, o novo proxecto do contrabaixista e compositor galego Pablo Sanmamed. A cita terá lugar o domingo 3 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Principal.
Tras o seu anterior traballo, Ben vennas Maio, Sanmamed continúa a desenvolver unha liña de investigación musical que conecta repertorios históricos con linguaxes contemporáneas. Neste novo disco, que se editará en maio de 2026, o artista parte das cantigas da lírica galego-portuguesa e doutras tradicións medievais —como a occitana ou a arábigo-andalusí— para construír unha proposta que dialoga co jazz actual.
O concerto propón unha viaxe sonora que transita entre diferentes épocas e estéticas, na que o pasado se activa como materia viva no presente. A través dunha aproximación aberta e emocional, A estrela mostrada afonda nas posibilidades expresivas da música antiga desde unha perspectiva contemporánea.
Sobre o escenario, Pablo Sanmamed estará acompañado por un elenco de intérpretes que amplían o abano tímbrico e expresivo da proposta: Begoña Olavide (salterio e voz), Xurxo Varela (viola de gamba e voz), Elena Tarrats (voz), Iago Mourinho (piano) e Chus Pazos (batería). Ademais da dirección musical e do contrabaixo de Sanmamed, o concerto contará cunha intervención extraordinaria da poeta Alba Cid, quen, ademais de crear textos expresamente para o vinilo, participará en directo recitando xunto á banda.
Con este proxecto, Pablo Sanmamed consolida unha voz propia no panorama musical, situándose nun espazo de encontro entre tradición e creación actual que define boa parte das propostas do ciclo Fiestra Aberta.
A actuación, cunha duración aproximada de 80 minutos, terá lugar no Teatro Principal e as entradas están dispoñibles para a venda anticipada a través de compostelacultura.gal, e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas) e no propio despacho de billetes do teatro o día do concerto desde unha hora antes do comezo. Aplicaranse descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Recoméndase o uso preferente da web para a adquisición de entradas.


