‘Nortear’ traza unha deriva escénica entre o político, o poético e o espectral

A nova creación de Columna Balteira poderá verse no Teatro Principal o vindeiro venres 22 de maio ás 20.30 horas, no marco do Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura
Escrita e dirixida por Helena Salgueiro, a peza propón unha experiencia escénica hipnótica arredor da memoria, o territorio e a procura dunha utopía compartida
 

Un espazo baleirado do Norte. Un grupo de mulleres suspendidas nun tempo impreciso. O rumor constante do mar como compás e como condena. A partir destas imaxes constrúese Nortear, a nova proposta de Columna Balteira que chegará ao Teatro Principal este venres 22 de maio ás 20.30 horas.

A montaxe, con dirección, dramaturxia e espazo escénico de Helena Salgueiro, mergúllase nun universo onde o espectral se mestura co real, o político co onírico e o etnográfico co poético. Sobre o escenario, cinco mulleres transitan, danzan e traballan infinitamente nun movemento de deriva e resistencia, buscando un lugar no que ancorarse mentres puxan colectivamente cara a unha idea de utopía. Xorde así, en palabras da compañía, “unha peza sobre o traballo feminizado do mar que problematiza a idea de norte e da colonización. Na defensa do territorio e na emancipación dos seus corpos, as mulleres soñan e danzan a materia da utopía”.

Nortear articúlase como unha experiencia escénica de forte compoñente visual e corporal, na que o movemento, a música e a atmosfera adquiren un peso central. O elenco de intérpretes está integrado por Alba López, Adriana Rodríguez, Alixa Ladson, Helena Salgueiro e Masako Hattori, acompañadas pola banda sonora de Anne Lèpere e polo espazo lumínico deseñado por Montse Piñeiro. O vestiario leva a sinatura de Nuria López e a asistencia na dirección é de Marina Carnero, quen tamén é responsable do atrezzo canda Nuria López e Helena Salgueiro. A fotografía é de Benxamín Otero e Alba Cambeiro e o vídeo, de Xandra Táboas.

As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 12 euros e poden adquirirse de forma anticipada a través de compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. En caso de existir aínda localidades dispoñibles o propio día da función, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do pase. Sexa cal sexa a vía de compra, haberá descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

Tras a representación, haberá un encontro co equipo artístico da peza na posfunción, un espazo de diálogo aberto ao público arredor dos procesos de creación e das temáticas que atravesan a montaxe.

Columna Balteira defínese como un “corpo de creación escénica, investigación e acción fundado en 2025 e dirixido por Helena Salgueiro. Alén de crear universos oníricos e conceptuais sobre as táboas, a Columna tamén activa comunalmente experiencias políticas e estéticas comprometidas coa identidade da Galiza, o ecofeminismo ou os movementos sociais. No cruce entre pensamento e movemento, ofrece espazos de investigación e arquiva memoria, situando o corpo na poética da acción”.

A representación de Nortear no Teatro Principal intégrase no Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, unha liña de programación que centra a mirada na creación feita polas xeracións máis novas e dá abeiro a espectáculos que, tanto no estético como no temático, poñen sobre as táboas as súas preocupacións, conflitos e maneiras de afrontar a actualidade.