‘Alicia wants to’ converte o público en parte activa dunha historia sobre exclusión e resistencia

A compañía Bengala Teatro Físico leva as táboas a marxinación, os abusos e a vulnerabilidade da mocidade
A función, integrada no Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, poderá verse no Teatro Principal o vindeiro xoves 21 de maio ás 20.30 horas, con posfunción ao remate do espectáculo e entradas xa dispoñibles en compostelacultura.gal e na Zona C
 

Unha partida de xadrez como metáfora vital serve de punto de partida para Alicia wants to, a proposta escénica de Bengala Teatro Físico que chegará ao Teatro Principal o vindeiro xoves 21 de maio ás 20.30 horas. A montaxe, dirixida e escrita por An González, mestura realismo máxico e crueza social para mergullarse na historia dunha adolescente marcada pola exclusión, os abusos e a precariedade.

A historia bota a andar coa saída de Alicia dun centro de menores e o regreso á casa da súa nai, Juana. Ambas as dúas sobreviven nunha contorna atravesada pola pobreza, a violencia estrutural e a falta de protección institucional. A partir dese reencontro, a peza constrúe un relato no que o público deixa de ser mero espectador para participar activamente no desenvolvemento da acción, decidindo algunhas das eleccións ás que se enfronta a protagonista e condicionando así o rumbo da historia.

Con esta fórmula participativa, Alicia wants to propón unha experiencia escénica directa e desafiante que interpela o público arredor das desigualdades sociais e das decisións que determinan as vidas das persoas máis vulnerables. O espectáculo combina teatro físico, linguaxe audiovisual e unha posta en escena simbólica arredor do xogo de xadrez, convertendo cada movemento nunha cuestión de supervivencia.

O elenco de Alicia wants to está formado por Andrea Maseda, Estrella Tomé, Estela del Río e Alexia Villar. A peza conta con iluminación de Jorge López, asesoría teatral de Rey Montesinos e creación audiovisual da propia Andrea Maseda. Nas proxeccións participan Olivia Argudo e Christian Toimil, mentres que as voces en off corresponden a Mano Pardo, Andrés González, Paula Maseda, Teresa Rodríguez, Xosé Valcárcel e Iván Gómez. A ficha artística complétase co vestiario de Elisa Díaz e Fixenöeu, a escenografía de Borja C. Pernas, o atrezzo de Miguel Morán e Ero Vázquez e a fotografía de Laura Pose. A produción, distribución e o deseño de escenografía e vestiario corren a cargo de Bengala Teatro Físico, e o espectáculo conta coa colaboración do Centro Dramático Galego —ao abeiro do Xuventude Crea 2025—, TIC Lugo, Servizos Sociais do Concello de Lugo, Concello de Sarria e Concello de Meira.

A función, recomendada para maiores de 12 anos, ten unha duración aproximada de 60 minutos e contará cun encontro posfunción co público ao remate da representación.

As entradas, cun prezo de 12 euros, poden adquirirse de forma anticipada a través de compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. En caso de existir aínda localidades dispoñibles o propio día da función, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do pase. Sexa cal sexa a vía de compra, haberá descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

A compañía Bengala Teatro Físico está integrada por creadoras multidisciplinares que traballan desde a combinación de diferentes linguaxes escénicas co obxectivo de construír un teatro que atravesa e interpela o público máis novo. A súa proposta artística parte da reflexión arredor das problemáticas sociais contemporáneas, empregando o teatro físico, os audiovisuais e outras artes vivas para formular preguntas e xerar pensamento crítico desde a escena. 

A representación de Alicia wants to no Teatro Principal intégrase no Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, unha liña de programación que centra a mirada na creación feita polas xeracións máis novas e dá abeiro a espectáculos que, tanto no estético como no temático, poñen sobre as táboas as súas preocupacións, conflitos e maneiras de afrontar a actualidade.