

A peza, incluída no ciclo Foco NeoTrad de Compostela Cultura, propón o 7 de maio ás 20.30 horas unha experiencia poética arredor do límite e da transformación
As entradas (10 € con descontos dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e o propio xoves no Teatro Principal dende as 19.30 horas
O Teatro Principal de Santiago acolle este xoves 7 de maio, ás 20.30 horas, Alén, unha creación de danza contemporánea do Colectivo Glovo que convida o público a transitar ese espazo indefinido entre o que remata e o que está por comezar. A proposta inscríbese no Foco NeoTrad de Compostela Cultura e está pensada para todos os públicos.
Alén agroma do desexo de habitar o límite, de explorar o “máis alá” non como un destino, senón como un proceso en constante construción. A peza articúlase como unha experiencia sensorial e poética que se sitúa nun territorio suspendido, onde a identidade se dilúe para volver xurdir transformada. En palabras da compañía, o traballo leva a escena “o último alento antes do salto. Nese instante, entre o derrubamento e o renacemento, nace ALÉN” Cunha linguaxe dinámica e enérxica, catro intérpretes móvense na fronteira entre o que fomos e o que estamos a piques de ser, trazando un percorrido escénico que dialoga co cambio, a incerteza e a renovación.
Dirixida e creada por Esther Latorre e Hugo Pereira, a proposta combina a coreografía de Latorre cun coidado traballo de espazo sonoro, iluminación e vestiario, incorporando tamén unha asesoría de movemento en danza tradicional. Sobre o escenario estarán Esther Latorre, Estefanía Gómez, Seth Buckley e Marc Fernández.
Alén é unha produción do Colectivo Glovo en coprodución co Centro Coreográfico Galego e a Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outras entidades. A súa representación intégrase programación de artes escénicas que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio da Cidade.
As entradas (10 €) poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal así como no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas) e no do Teatro Principal o propio día do espectáculo desde unha hora antes do seu inicio. Existen descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.