

A obra, con texto de Ignacio García May e dirección de Eduardo Vasco, mergúllase nun inquietante xogo escénico sobre a memoria, a percepción e a fraxilidade do real
Co-producido por Teatro Español e Entrecajas Producciones Teatrales, o espectáculo poderá verse o vindeiro xoves 14 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia
As últimas entradas poden ser adquiridas de forma anticipada na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C, e xa no propio Auditorio dende unha hora antes do evento
Un reencontro atravesado pola memoria, a espera e a sospeita do irreal serve como punto de partida para Esencia, unha das obras máis enigmáticas de Ignacio García May, que chega este xoves 14 de maio ao Auditorio de Galicia da man de Teatro Español e Entrecajas Producciones Teatrales. Escrita por Ignacio García May e dirixida por Eduardo Vasco, a peza mergulla o público nun territorio ambiguo e desacougante onde a realidade parece esvaecerse por momentos.
Dous nomes destacados da escena española, Juan Echanove e Joaquín Climent, interpretan a Pierre e Cecil, dous vellos amigos que, tras anos sen verse, manteñen unha conversa atravesada polo recordo, os silencios e a espera dun misterioso autor que nunca acaba de aparecer. Con ese detonante, Esencia desenvolve un complexo xogo de percepcións no que o público é convidado a cuestionar constantemente aquilo que ve e escoita.
Definida polo propio autor como “a inexistencia mesma do real”, a obra sitúase nun espazo escénico onde as certezas se dilúen e os límites entre ficción, lembranza e presenza permanecen permanentemente abertos. O texto de Ignacio García May convértese así nun labirinto teatral cargado de resonancias filosóficas e humor sutil, no que a palabra e a interpretación sosteñen unha tensión continua.
A dirección de Eduardo Vasco acompaña esta proposta cun dispositivo escénico depurado, apoiado na escenografía de Carolina González, a iluminación de Miguel Ángel Camacho e un ambiente sonoro creado polo propio Vasco. O resultado é unha experiencia teatral de atmosfera hipnótica, construída desde a precisión interpretativa e o poder evocador da escena.
As entradas para Esencia teñen un prezo de 14 euros e poden adquirirse de forma anticipada a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas, agás o xoves 14 de maio, cando permanecerá pechado por mor da festividade local) e no do Auditorio de Galicia xa o propio día da función desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Existen descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.