

A exposición inclúe trinta e un traballos de artistas menores de 40 anos que naceron ou residen en Galicia
Permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio ata o luns 2 de marzo
Pode ser visitada todos os días en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, de balde e sen necesidade de reserva
A exposición cos traballos finalistas ao Décimo Cuarto Premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveis encara a súa recta final e poderá visitarse até o vindeiro 2 de marzo. Até as 20.00 horas dese luns, o público terá a oportunidade de achegarse á Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia para coñecer esta escolma de 31 proxectos artísticos, seleccionados entre as 98 propostas presentadas nesta edición.
O xurado —integrado pola concelleira Míriam Louzao; a investigadora e docente en Belas Artes da Universidade de Vigo e curadora independente Susana Cendán Caaveiro; o artista, curador independente e escritor Rosendo Cid; a directora do centro de arte e da colección da Fundación María José Jove, Susana González; e o investigador, docente e tamén curador independente Juan Luis Toboso Galindo— acordou conceder o primeiro premio á serie Variacións sobre o recipiente, de Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000); o segundo premio á obra Bailan os nomes, das irmás Lara e Noa Castro Lema (A Coruña, 1998); e o terceiro premio á peza Escóitalo? É o silencio antigo, de Nuria Figueiredo (Ourense, 1986).
Xunto ás obras premiadas, a mostra reúne creacións orixinais e inéditas de Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague.
O percorrido expositivo evidencia a riqueza e pluralidade de perspectivas das persoas participantes, artistas menores de corenta anos nadas ou residentes en Galicia que concorren tanto a título individual como colectivo. Esa diversidade reflíctese nas disciplinas e nos soportes empregados: pintura e escultura conviven con instalacións, performances, videocreación e outras linguaxes contemporáneas. As propostas experimentan con materiais —ás veces pouco habituais— e desenvolven estilos propios e diferenciados, cuestionando convencións e abordando cuestións que dialogan con preocupacións compartidas pola sociedade actual. Nesta viaxe, as fronteiras entre disciplinas dilúense e transcéndense, ofrecendo unha mirada ampla e complexa da realidade plural na que vivimos.
De carácter bienal, os Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis teñen como finalidade fomentar os valores culturais e apoiar a promoción de creadoras e creadores emerxentes do país. A convocatoria, circunscrita ao ámbito autonómico, diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co obxectivo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento da creación contemporánea e do patrimonio cultural galego.
A exposición poderá visitarse na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia todos os días até o 2 de marzo, con horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso é libre e sen necesidade de reserva.

