O compostelán Andrés Rodís gaña o Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

A serie ‘Variacións sobre o recipiente’ faise co primeiro premio do certame, dotado con 6.000 euros
Noa e Lara Castro Lema obteñen o segundo premio, dotado con 3.000 euros, pola peza ‘Bailan os nomes’ e Nuria Figueiredo recibe o terceiro dos galardóns, cunha dotación de 2.000 euros, por ‘Escóitalo? É o silencio antigo’
 

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolleu este venres o acto de inauguración da exposición das obras finalistas do Décimo Cuarto Premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveis. A alcaldesa e presidenta do Consello Reitor do Auditorio, Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural e presidenta do xurado dos premios, Míriam Louzao, o director-xerente do Auditorio de Galicia Xaquín López, a responsable de exposicións Chus Busto e as persoas integrantes do xurado desta edición tomaron parte neste acto que serviu ademais para dar a coñecer as propostas gañadoras do certame. O evento contou coa presenza de boa parte das e dos artistas participantes, alén de numeroso público e representantes da Corporación Municipal compostelá.

 

Autoras e autores de traballos finalistas presentes na mostra

En 2025, o xurado conformado pola concelleira Míriam Louzao, a investigadora e docente en Belas Artes da Universidade de Vigo e curadora independente Susana Cendán Caaveiro; o artista, curador independente e escritor Rosendo Cid; a directora do centro de arte e da colección da Fundación María José Jove, Susana González, e o investigador, docente e tamén curador independente Juan Luis Toboso Galindo, distinguiu co primeiro premio a serie de Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) titulada Variacións sobre o recipiente. Neste traballo, que o fixo gañador dun premio dotado con 6.000 euros, traballa con diferentes materiais como o óleo, esmalte, fotografía, bordado e cerámica, nun recipiente físico situado no chan que se integra coa obra. O título da obra funciona cun dobre sentido. Alude, por unha banda, a unha serie de movementos ou “variacións” que se producen sobre un recipiente —como quen sobe enriba dunha caixa e baila—, e por outra, á exploración de diferentes versións arredor do propio concepto de recipiente. Ese “sobre” acolle tamén unha dobre lectura, como se elaborar ou pensar “sobre” algo implicase, necesariamente, manter un contacto físico con iso. Manter o contacto co que se está a pensar é, precisamente, o que articula esta obra: a elaboración, a manipulación, a variación. 

Andrés Rodís recibiu de mans da alcaldesa o Primeiro Premio Auditorio de Galicia para Aristias Noveis pola serie 'Variacións sobre o recipiente'

O primeiro achegamento ao proxecto tivo lugar cando Rodís coñeceu a cunca-caveira Kapala no Museo Indio de Calcuta: a metade superior dun cranio humano engarzada en soportes metálicos que servía como contedor sagrado para ofrecer líquidos, disque en rituais tántricos. Esta variación propón un desprazamento simbólico, semántico e material: o cerebro é substituído por un novo contido, un líquido dotado de propiedades máxicas ao se inxerir desde ese continente. A partir desta experiencia, o artista explora outras funcións posibles para o fragmento cranial, imaxinando disposicións, torsións e resignificacións alternativas. Nos primeiros bosquexos aparecen recipientes que ensaian relacións entre continente e contido, positivo e negativo, matriz e copia, molde e contramolde, interior e exterior, baleiro e cheo, co propósito de crebar ou diluír esas oposicións a través dos procedementos artísticos.

O segundo premio, cunha dotación de 3.000 euros, recaeu nas irmás Lara e Noa Castro Lema (A Coruña, 1998) pola obra Bailan os nomes. Este conxunto de trinta e cinco debuxos ou fotogramas de grafito sobre papel compoñen unha animación de trazo sinxelo e en bucle dunha roda na que catro personaxes híbridos ou humanizados bailan nun círculo sen fin, evocando as relacións e metamorfoses que se establecen entre eles. Trátase dunha pita, un galo, unha vaca ou uro e mais un cabalo. Os seus nomes e presenzas convócanse para designar outro animal: a pita de monte, ave declarada oficialmente extinta en Galicia desde o 2005. 

A peza 'Bailan os nomes' (no centro da imaxe) valeulles ás irmás Noa e Lara Castro Lema o segundo premio que, na súa representación, recolleu o galerista Diego Santomé de mans da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao (Pixelín Photo)

A imaxinación colectiva establece asociacións diversas: en galego relaciónase coa pita; no castelán, co uro e mais co galo (urogallo); e en inglés, co cabalo, a través do termo capercaillie, termo de orixe gaélica que significa «cabalo do bosque». As artistas detéñense neste poder da linguaxe para provocar transformacións marabillosas a partir de asociacións insólitas. O interese pola pita de monte xorde do proxecto A quen nunca cantou cústalle comezar (2023), no que se inscribe esta animación, ata o de agora inédita en exposición.

Nos seus proxectos, Lara e Noa Castro Lema adoitan traballar con recursos que engaden capas de suxestións, aparicións e pensamentos, con corpos que existen en paralelo á imaxe real, que interactúan con ela ou que funcionan de maneira independente. A transparencia ou permeabilidade entre esas capas é variable. Para elas, a animación é unha ferramenta para comprender as ficcións presentes tanto no movemento como no estático.

Finalmente, a peza Escóitalo? É o silencio antigo valeulle a Nuria Figueiredo (Ourense, 1986) o terceiro premio, dotado con 2.000 euros. Trátase dun cruceiro de cerámica gres esmaltada, lustre de ouro e cadea dourada que propón un propón un convite a se deter o tempo, a mirar e deixarse atravesar polo que non pode ser nomeado. 

E Nuria Figueiredo recolleu de mans de Susana Cendán, integrante do xurado, o terceiro dos premios pola obra 'Escóitalo? É o silencio antigo'

Ao longo da historia, o misterioso, o máxico e o descoñecido ocuparon un lugar sobranceiro na construción do imaxinario colectivo. A través de ritos, crenzas e símbolos que transcenden o físico configurouse un mundo no que o tanxible e o intanxible se entretecen, creando unha realidade máis complexa e rica que constitúe o cerne da identidade cultural e do patrimonio inmaterial transmitido de xeración en xeración. Estas estruturas non son só ecos do pasado, senón organismos vivos que continúan a moldear a nosa comprensión da  realidade. Este tecido simbólico ábrelle a cada individuo a posibilidade de construír un imaxinario propio. 

A artista atopa no cruceiro galego unha imaxe fértil para esa exploración, na que resoa a idea de cruzamento e presenza. Símbolo cargado de protección e memoria, convérteo nun punto de partida para unha relectura que o despraza do monumental ao íntimo. Así reinterpretado, o cruceiro devén lugar de contemplación e recollemento, espazo onde o ancestral conserva a súa vixencia e o oculto e misterioso se manifesta e toma corpo. Non é só unha escultura, senón un limiar, unha porta entre dous mundos, un espazo de tránsito entre o real e o imaxinario, o íntimo e o colectivo, o salvaxe e o tenro, o mitolóxico e o persoal. Máis ca explicar o máxico, a obra ofrece aloxalo, honralo e darlle corpo para que continúe habitándonos.

Tras a entrega de galardóns, o público asistente puido visitar a mostra cos traballos finalistas deste Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, unha escolma de 31 proxectos que o xurado seleccionou entre as 98 propostas que concorreron ao premio, e que permanecerá no Auditorio de Galicia até o 2 de marzo de 2026. Nela, poderemos atopar as creacións orixinais e inéditas de Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Lara e Noa Castro Lema, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Nuria Figueiredo, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Andrés Rodís, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague.
De periodicidade bienal, a convocatoria dos Premios Auditorio de Galicia para Artistas Noveis procura fomentar os valores culturais e a promoción de artistas emerxentes do país, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras. Circunscrito ao ámbito autonómico, o certame diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.


Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000)

Andrés Rivas Rodís é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, ten un Mestrado en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco e actualmente cursa o Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporáneo na Universidade de Vigo.

En 2025 participou en feiras estatais como SWAB (Barcelona) e Artesantander (Cantabria) coa Galería Néboa, onde recibiu varios premios adquisición, entre eles da Colección Norte do Goberno de Cantabria, da Colección Campocerrado e da Kells Art Collection. Ese mesmo ano foi seleccionado para residencias como a Residencia Celestino Cuevas en Reinosa (Cantabria) e a Residencia de Creación e Investigación Artística no Museu da Universidade de Alacante, ademais de ser escollido polo programa Joven llama a Joven da Galería Lumbreras (Bilbao), onde realizará unha exposición individual este outubro.

Contou xa con dúas exposicións individuais: Isabelle Dinoire (Espacio Peculiar, Oleiros, 2025) e Gramática de superficie (Galería Néboa, Santiago, 2024). Ademais, participou en mostras colectivas como Pluriidentitats (Museo Universidade de Alacante, 2025), 2025_N2 (Piramidón Centre d’Art Contemporani, 2025), Tres o cuatro metros (Juntas Generales de Bizkaia, 2024) ou Paisaxe 0 (Galería Metro, Santiago, 2022). Foi beneficiario da Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París, 2022) e participou no Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura (2021).

Lara e Noa Castro Lema (A Coruña, 1998)

Lara e Noa Castro Lema traballan de maneira colectiva, reivindicando o espazo dos soños e da poesía como ferramentas de resistencia a sistemas hexemónicos, así como a relación entre tradicións orais humanas e non humanas como vía para comprender e transformar aspectos da memoria, a violencia ou o coidado.

Formáronse no Mestrado en Produción e Investigación en Arte da Universidade de Granada (2021) e no Mestrado en Arte do Institute Kunst da FHNW de Basilea (Suíza, 2023). Recibiron bolsas e apoios de institucións como a Fundación María José Jove (2021-2023), a Fundación La Caixa (2023) ou a Fundación Botín, onde exporán en novembro de 2025.

As súas obras presentáronse en institucións como o CGAC (Santiago), o Museo Tinguely e o Kunsthaus Baselland (Suíza), a Galería Municipal do Porto (Portugal), o Frankfurter Kunstverein (Alemaña) ou o Museo de Pontevedra, así como en galerías como City Salts (Suíza) ou Argonautas_34 (Galicia). En 2025 foron seleccionadas para as residencias da prestixiosa Skowhegan School of Sculpture and Painting (Maine, Estados Unidos) e para Lunga (Seyðisfjörður, Islandia). No ano 2024 foron incluídas por Vanitatis (El Confidencial) entre os “25 artistas españois menores de 35 anos con máis proxección”.

Nuria Figueiredo (Ourense, 1986)

Nuria Rodríguez Figueiredo é licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco (2010) e posúe un diploma en Cerámica Artística pola EMAO de Vigo (2021).

A súa traxectoria inclúe exposicións individuais como El desvelo (Échale Guindas, Madrid, 2025), Contos estivais (Galería Obra Viva, Cangas, 2023), A cerimonia (Galería ó!, Porto, 2022), Habitantes (A Fabriquería, Tui, 2014) ou De portas dentro (Área Panorámica, Tui, 2010). Participou tamén en mostras colectivas destacadas, como a Bienal Internacional de Cerámica de Aveiro (Portugal, 2022), a Bienal Internacional de Cerámica de Castellamonte (Italia, 2024), Perdona, estoy hablando (Palacio de Cibeles, Madrid, 2023), Novos valores (Museo de Pontevedra, 2018) ou a itinerante ILUSTRA/DÁS, presente en diferentes Institutos Cervantes do mundo entre 2020 e 2023 (Nova York, Chicago, Belgrado, Bremen, Marrocos, etc.).

Ademais da súa produción artística, é tamén escritora e ilustradora de varias publicacións, entre elas Tesoros (Lata de Sal, 2022), Pobre chico (2019), Cobijo (2018), Nomeolvides (Ultrarradio, 2017) ou Habitantes (2012).