Aberta a inscrición nas visitas guiadas á mostra coas obras finalistas do Décimo cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis

Compostela Cultura promove entre os meses de novembro e febreiro unha trintena de visitas guiadas para público xeral, centros de ensino e centros de educación especial que permitirán coñecer o traballos de artistas emerxentes da arte contemporánea galega
A participación nestes percorridos é de balde previa inscrición nos formularios correspondentes, dispoñibles na web de Compostela Cultura
 

A Sala Isaac Díaz Pardo acolle até o 2 de marzo a mostra do Décimo cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis  (Imaxe: Pixelin Photo)

Compostela Cultura bota a andar o programa de visitas guiadas á mostra do Décimo cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, unha exposición cos 31 traballos finalistas deste galardón que procura dar a coñecer a creación contemporánea máis nova da contorna galega.

Alén das obras de Andrés Rodís (Primeiro Premio), Noa e Lara Castro Lema (Segundo Premio) e Nuria Figueiredo (Terceiro Premio), a exposición inclúe creacións orixinais e inéditas de Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague.

Para afondar en cada unha delas e no diálogo que se establece entre unhas e outras, deséñanse dúas modalidades de visita que arrancan este mes de novembro e continuarán até finais de febreiro. 

As destinadas a público xeral desenvolveranse os xoves ás 19.00 horas e os sábados ás 12.00 horas. Hai unha quincena de datas dispoñibles, a primeira o xoves 6 de novembro e a última o sábado 28 de febreiro, todas elas de balde previa inscrición no formulario dispoñible na web de Compostela Cultura. Están deseñadas para un mínimo de 5 persoas por grupo e un máximo de 25.

As visitas destinadas a centros de ensino e centros de educación especial desenvolveranse os martes e xoves ás 11 horas. Neste caso, hai preto dunha vintena de percorridos dispoñibles: o primeiro, o martes 11 de novembro, e o último, o xoves 26 de febreiro.

Son igualmente de balde previa inscrición, que debe ser cursada polo centro, no formulario habilitado na web de Compostela Cultura. En ambas as modalidades, o prazo de inscrición pecha na véspera de cada visita ás 14.00 horas e a duración aproximada de cada percorrido é duns 45 minutos.

En ambas as modalidades, o prazo de inscrición pecha na véspera de cada visita ás 14.00 horas e a duración aproximada de cada percorrido é duns 45 minutos.

O Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis consolídase, ano tras ano, como un referente no impulso da arte emerxente e un espazo de visibilidade para as xeracións máis novas de artistas galegas e galegos. O seu obxectivo principal é contribuír ao enriquecemento do patrimonio cultural galego e impulsar novas voces na escena artística actual.

A exposición do Décimo cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis permanecerá na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio até o 2 de marzo. Á marxe destes programa de percorridos guiados, a mostra pode ser visitada libremente de luns a domingo en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas (os días con espectáculo no Auditorio, o acceso á sala pecha ás 19 h).