

O Espazo Apego acollerá o espectáculo de Brais das Hortas, mentres que as sesións de Cinema ao aire libre con NUMAX se trasladarán á Casa das Máquinas.
As previsións meteorolóxicas adversas para os vindeiros días obrigan a realizar cambios de localización en varias das actividades previstas ao aire libre na programación cultural de Compostela Cultura.
O martes 25 de agosto, ás 18.00 horas, Comisión de Festas, de Brais das Hortas, trasládase ao Espazo Apego, en lugar de celebrarse ao aire libre no parque de Bonaval. O espectáculo, que mestura música, clown e teatro, convida as familias a colaborar para transformar o escenario nun auténtico campo da festa. Unha galiña con autotune, bailes e moito humor forman parte dunha proposta que reivindica a capacidade de xuntarnos e compartir para encher de alegría o noso arredor.
A actividade require inscrición previa, que poderá realizarse ata o propio martes 25 ás 12.00 horas a través do formulario habilitado polo programa Apego.
O cinema trasládase á Casa das Máquinas
Tamén por mor da previsión de choiva, as dúas sesións de Cinema ao aire libre do Festival C, inicialmente programadas na rúa Concepción Arenal en colaboración con NUMAX, trasladaranse á Casa das Máquinas, mantendo as datas e os horarios previstos.
A primeira cita será o martes 25, ás 21.45 horas, con A invasión dos ladróns de corpos, o clásico da ciencia ficción dirixido por Don Siegel en 1956. O filme segue a Miles Bennell, médico dunha pequena vila que comeza a detectar comportamentos estraños entre os seus habitantes ata descubrir unha inquedante ameaza que está a substituír as persoas por duplicados carentes de emocións. A sesión completarase cun coloquio posterior co público.
O mércores 26, ás 21.45 horas, será a quenda de Caro diario, de Nanni Moretti, unha das obras máis celebradas do cineasta italiano. Estruturada en tres capítulos autobiográficos, a película acompaña a Moretti polos seus percorridos por Roma en vespa, polas illas italianas e pola súa particular experiencia como paciente, nun relato no que mestura humor, ironía e reflexión sobre a vida cotiá, o cinema e a sociedade. A proxección estará tamén seguida dun encontro co público.
As dúas sesións cinematográficas son de acceso libre ata completar a capacidade.
Atención a posibles novos cambios
Ante a previsión de inestabilidade meteorolóxica, recoméndase prestar especial atención á web e ás redes sociais de Compostela Cultura, onde se comunicarán posibles novos cambios de localización ou modificacións que poidan afectar as actividades programadas ao aire libre durante os vindeiros días.
O obxectivo destes traslados é manter a programación prevista sempre que sexa posible, procurando alternativas en espazos cubertos que permitan desenvolver as actividades nas mellores condicións para o público e para as compañías participantes.