Danza, tradición oral e circo protagonizan a terceira semana do Festival C

«Diz-me, meu amor», de Raquel Ferradás e María de Vicente; o ciclo «Por que non cantades todas?» e «Ardatzak (Eixes)», de Zirkozaurre, protagonizan a programación entre o 17 e o 23 de agosto
A Casa das Máquinas, a Alameda, Bonaval e a praza da Quintana acollen unha nova semana de programación para todos os públicos
 

O Festival C continúa esta semana cunha programación que volverá espallarse por distintos espazos da cidade para ofrecer propostas de danza contemporánea, narración oral, música tradicional e circo. Entre o 17 e o 23 de agosto, a Casa das Máquinas, Bonaval, a Alameda, o parque de Galeras e a praza da Quintana acollerán novas actividades gratuítas para todos os públicos.

A semana abrirase o luns 17 de agosto coa programación da Casa das Máquinas, que ás 20.00 horas recibirá Diz-me, meu amor, de Raquel Ferradás e María de Vicente. A peza propón un encontro íntimo entre dúas intérpretes que exploran, desde a danza contemporánea, as relacións afectivas, a memoria compartida e a maneira en que os vínculos se constrúen a través do corpo e do movemento.

Na programación para o público familiar, os arcos do parque de Bonaval acollerán o martes 18 de agosto, ás 18.00 horas, unha nova sesión de Contos no Parque, organizada en colaboración co programa Apego. Nesta ocasión, Cris de Caldas presentará Tantarantiña, un espectáculo de narración oral pensado para a primeira infancia que combina palabra, música e participación.

O mércores 19, ás 20.00 horas, o paseo da Ferradura da Alameda recibirá a segunda sesión do ciclo Por que non cantades todas?, dedicado nesta edición á tradición oral galega e ao papel das cantareiras na transmisión do patrimonio musical. Nesta ocasión será a asociación Cantigas e Agarimos a protagonista dun encontro que convida a redescubrir o legado da música tradicional desde unha perspectiva contemporánea.

A programación culminará o xoves 20 de agosto, tamén ás 20.00 horas, coa chegada á praza da Quintana de Ardatzak (Eixes), da compañía vasca Zirkozaurre. O espectáculo emprega as linguaxes do circo contemporáneo para reflexionar sobre os apoios, os vínculos e o equilibrio, a través dunha proposta visual que dialoga coa arquitectura dun dos espazos máis emblemáticos de Santiago.

Ao longo da semana continuarán tamén os obradoiros de Circonove no parque de Galeras, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, con sesións gratuítas de iniciación ás artes circenses adaptadas ás distintas idades e con inscrición previa.

O Festival C, organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña, continuará ata o 31 de agosto cunha programación gratuíta que reúne preto de trinta actividades de circo, danza, música, poesía, cinema e propostas familiares, reafirmando a súa aposta pola creación contemporánea e polo espazo público como lugar de encontro entre artistas e cidadanía

A información ao detalle de todos os eventos que conforman esta edición está dispoñible na web compostelacultura.gal. Os cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.