As maiores forzas da vida íntima —as paixóns do corazón, os pensamentos da mente, as delicias dos sentidos— levan unha existencia incerta e sombría ata que son transformadas, desindividualizadas e desprivatizadas, por así dicir, nunha forma que as faga aptas para a aparición pública.
Hannah Arendt 1
Facer aparecer propón ao público un percorrido sensible e íntimo a través de tres propostas artísticas presentadas, desde a súa potencia, como ensaios colectivos dun nosoutras. Trátase de Crías, de Xiana do Teixeiro; O canto das Cecilias, de Cecilia Barriga; e Puta Mina do LAAV_ e o Colectivo Puta Mina. Os tres son procesos de traballo que requiriron varios anos ata se formalizaren como pezas audiovisuais ou cinematográficas. En Facer aparecer coñecerémolos a través de tres espazos de instalación e un programa de activacións que nos convida a conformar “colectivos temporais de actualización” arredor de cada un destes procesos.
A entrada aos tres espazos está precedida dun enunciado de premisas curatoriais que favorecen unha disposición de apertura para a mirada e o coidado do que se vai atopar nas salas. Deseguido, recóllese un conxunto de principios sobre o colectivo que recordan o seu sentido e operatividade. E, por último, hai convocado un espazo para as anotacións, no que se convida a intervir, se se desexa.
O nome desta proposta expositiva evoca un xesto arendtiano. Facer aparecer convoca a noción de aparición da historiadora e filósofa Hannah Arendt: a idea de que ser visto e oído por outras e outros desde a propia singularidade é o que nos confirma como reais. Ese é o xesto de aparición no espazo público. No seu pensamento, Arendt distingue entre o mundo –o espazo público onde algo permanece e adquire unha realidade compartida– e a vida –o espazo íntimo que sostén a existencia, pero que carece de presenza pública–. Desde aí, as forzas máis intensas da vida íntima levan unha existencia escura e espectral ata transformárense nunha forma axeitada para entrar no mundo. O reclamo de que o íntimo é político ten que ver, precisamente, con ese movemento: a entrada da vida no mundo.
Facer aparecer trae esa tensión entre mundo e vida, pero desprega un movemento en dirección inversa: fronte ao xesto de levar o íntimo ao mundo para reclamalo como político, propón que o mundo entre no íntimo colectivo que se constela no espazo expositivo, habilitando desde aí as condicións para que poida ser coidado.
Facer aparecer é unha proposta que opera desde o cultivo, as resonancias afectivas, a experiencia e o contaxio; desde o murmurio: outro camiño cara á transformación, distinto, talvez, da conquista e da revolución.
OS ENSAIOS DUN NOSOUTRAS
Crías explora os diarios da adolescencia, unha forma de escritura íntima e secreta a miúdo esquecida ou destruída pola vergoña. O proceso de creación de película é transformado nun exercicio colectivo de autoetnografía que busca recuperar a confianza na escrita íntima e nas persoas que fomos —ou non fomos— durante a adolescencia. Un ensaio aberto e colectivo, construído a partir de múltiples diarios, que cuestiona o pacto de segredo e reivindica o valor desta escrita.
O canto das Cecilias constrúe un canto feminino a moitas voces que transforma unha memoria compartida nun espazo de reparación, liberdade e sanación. Partindo dun grupo de mulleres unidas inicialmente por un mesmo nome, o proxecto resignifica a canción La povera Cecilia e convértea nunha acción colectiva que ocupa e cuestiona espazos simbólicos da cultura, da relixión e da política. Aberto á incorporación de novos corpos, voces e lugares, o proxecto actualízase constantemente, mantendo viva a potencialidade dunha experiencia compartida.
Puta Mina parte do encerro de catro mineiros no Pozo Aurelio, en León, ante o desmantelamento da minaría do carbón. O que inicialmente parecería ir construírse a partir dun relato de resistencia contado desde os mineros transfórmase nun proceso diametralmente distinto, de acompañamento á autonarración íntima e colectiva entre as mulleres da conca. Son elas quen toman a palabra para exploraren como viven, senten e sosteñen a vida arredor do carbón, facendo visibles voces e experiencias que sempre formaron parte deste territorio.
COLECTIVOS TEMPORAIS DE ACTIVACIÓN
Os proxectos que vas atopar no espazo expositivo corresponden a procesos de traballo que ensaian un nosoutras colectivo a partir das formas de relación entre experiencias, corpos, obxectos e lugares desde onde acontecen transformacións. Os materiais que os contan facilitan o achegamento ao que cada ensaio propón e tamén desde onde o fai.
A proposta non se esgota na contemplación do percorrido expositivo. En cada proxecto atoparás a posibilidade de establecer unha relación máis performativa cos seus contidos. Esta é a axenda que seguiremos para activar os distintos colectivos temporais da que iremos anunciando toda a información.
PUTA MINA COLECTIVO PUTA MINA E LAAV: 17 de outubro · [Máis info]
CLUB DE DIARISTAS XIANA DO TEIXEIRO: 14 de novembro, 12 de decembro de 2026 e 16 de xaneiro e 6 de febreiro de 2027.[Máis info]
O CANTO DAS CECILIAS CECILIA BARRIGA: do 17 ao 25 de novembro de 2026 [Máis info]
AS ARTISTAS
Xiana do Teixeiro é cineasta, produtora e investigadora. Aborda os seus proxectos documentais e de cine-ensaio desde unha perspectiva ecofeminista e desde a biofilia. O seu é un cinema posicionado no coidado a todos os niveis: desde as relacións que establece co que investiga, as condicións de benestar do que se convoca a ser filmado, ata os modos de organizar a produción e, mesmo, a súa posta en circulación. É cofundadora, xunto a Emilio Fonseca, de Walkie Talkie Films e de Animalia, produtora coa que presenta Crías, o seu proxecto máis recente tras Todas as mulleres que coñezo (2018).
Cecilia Barriga naceu en Concepción (Chile) en 1957. Desde moi nova autoexíliase a España, fuxindo dunha ditadura que lle pechaba o camiño. A súa traxectoria está atravesada por unha mirada activista enormemente independente, desde o videoarte e o found footage experimental ata o traballo documental, e o que ela mesma chama «militancia de cámara», un modo de vivir e de contar desde dentro dos colectivos e dos movementos sociais. A súa obra máis recoñecida internacionalmente, Encuentro entre dos reinas (1991), está presente no MoMA, o Whitney Museum, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Museo Guggenheim Bilbao.
O LAAV_ (Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental) é un espazo para a investigación e a creación con comunidades e colectivos. Naceu en 2012 no DEAC MUSAC (Departamento de Educación y Acción Cultural del Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) a partir de La rara troupe, un grupo de traballo arredor do malestar psicosocial que emprega a creación audiovisual desde a autorrepresentación e a narración en primeira persoa. Está integrado de xeito estable por Belén Sola e Chus Domínguez: Chus desde o audiovisual e o documental, Belén desde a mediación e xestión cultural. A proposta combina as disciplinas artísticas e científicas desde unha perspectiva experimental e crítica, explorando as prácticas colaborativas, as pedagoxías críticas e a antropoloxía cultural e visual.
SOBRE A COMISARIA
María Bella é comisaria, investigadora e produtora cultural. O seu traballo sitúase na intersección entre cultura, activismo e crítica institucional, con especial atención ás prácticas colectivas e comunitarias e á relación entre memoria, territorio e transformación social. Doutora en Curatorial/Knowledge por Goldsmiths, University of London —coa tese Returning Life to Life. The Factory of Cine sin Autor, sobre modelos de produción artística colectiva—, participou na posta en marcha de Intermediae–Matadero Madrid e impulsou diversos proxectos de creación en contexto, site specific e arte sonora.
Actualmente vive e traballa na Costa da Morte, onde é cofundadora da cooperativa cultural Azul mais Verde. En Galicia, a recuperación da memoria, especialmente arredor do movemento Nunca Máis e desde perspectivas feministas e comunitarias, constitúe un eixo da súa práctica curatorial, como en Tapices da Memoria: Nunca Máis chapapote patriarcal (Fisterra, 2021) ou Un Nunca Máis contado polas fillas de Man (Museo Man, Camelle, 2019). Nos últimos anos acompañou tamén curatorialmente a Germán Labrador Méndez en Sempre Máis (2023) e Ollos de Vidro (2025), no Auditorio de Galicia.
(1) Hannah Arendt, 1958. The Human Condition