FACER APARECER · O CANTO DAS CECILIAS · CECILIA BARRIGA

DATOS BÁSICOS

FACER APARECER. ENSAIOS COLECTIVOS DUN NOSOUTRAS

COLECTIVOS TEMPORAIS DE ACTUALIZACIÓN | O CANTO DAS CECILIAS  | CECILIA BARRIGA

Convocamos mulleres que queiran sumarse a un novo canto das Cecilias para performar unha versión en Compostela. Queremos clarexar que non é preciso chamarse Cecilia. Prepararemos o canto entre o 17 e o 25 de novembro, acompañadas por Cecilia Barriga. Os ensaios terán lugar sempre na sala de exposicións e organizarémolos en función da dispoñibilidade do grupo. O 25N sairemos xuntas e ocuparemos, entre outros espazos, a praza do Obradoiro para rematar sumándonos ás mobilizacións feministas polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Ademais, o xoves 19 de novembro ás 18.30 h, Cecilia Barriga fará unha presentación pública na que mostrará unha selección de traballos da súa traxectoria artística para abrir unha reflexión sobre os cambios que se foron producindo nos movementos feministas.

  • 19 de novembro_18.30h_Charla con Cecilia Barriga_Sala de exposicións_ Acceso libre
  • 25 de novembro_hora por confirmar_Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o grupo sairá a cantar en espazos públicos da cidade, entre eles a praza do Obradoiro, ata sumarse ás mobilizacións feministas do 25N.

Queres unirte a este colectivo temporal? Accede ao formulario de inscrición (abrirase para a recepción de propostas tras a inauguración da mostra, o 23 de setembro)

INFORMACIÓN PRÁCTICA

  • De balde.
  • Dirixida a todas as mulleres interesadas
  • Non é preciso chamarse Cecilia nin ter coñecemento de canto
  • Para asistir é necesario cumprimentar o formulario de inscrición 
  • 30 prazas. A inscrición pecharase cando se cubran as prazas. Esta actividade ten límite de capacidade

O canto das Cecilias traballa na construción dun canto feminino a moitas voces que, a través do seu proceso compartido e da súa capacidade para ser performado e iterado en distintos tempos e lugares, se converte nun escenario de posibilidade. Nel conflúen o recoñecemento íntimo dun sufrimento en singular-plural, a revelación en común fronte ás violencias contra as mulleres e o acougo dunha liberdade e dunha sanación compartidas. O proxecto parte desde o nome propio de Cecilia que, como legado de nacemento, motiva a configuración do primeiro grupo de mulleres do proxecto que, a priori, só comparten o mesmo nome. Xuntas, desde un presente feminista, conseguen resignificar unha canción da súa memoria colectiva, La povera Cecilia, converténdoa nun canto de reparación co que irán ocupando os espazos de poder simbólico da cultura, da relixión e da política. O proxecto actualízase cada vez que outros corpos, outras voces e outros espazos entran nel. O que emerxe é sempre algo novo que mantén viva a esperanza dunha potencialidade compartida.

Cecilia Barriga naceu en Concepción (Chile) en 1957. Desde moi nova autoexíliase a España, fuxindo dunha ditadura que lle pechaba o camiño. A súa traxectoria está atravesada por unha mirada activista enormemente independente, desde o videoarte e o found footage experimental ata o traballo documental, e o que ela mesma chama «militancia de cámara», un modo de vivir e de contar desde dentro dos colectivos e dos movementos sociais. A súa obra máis recoñecida internacionalmente, Encuentro entre dos reinas (1991), está presente no MoMA, o Whitney Museum, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Museo Guggenheim Bilbao.

 

Acceso: 

Queres unirte a este colectivo temporal? Accede ao formulario de inscrición (abrirase para a recepción de propostas tras a inauguración da mostra, o 23 de setembro)

Esta actividade ten límite de capacidade

Info práctica: 
Martes, 17 Novembro, 2026 a Mércores, 25 Novembro, 2026
Auditorio de Galicia