FACER APARECER. ENSAIOS COLECTIVOS DUN NOSOUTRAS
COLECTIVOS TEMPORAIS DE ACTUALIZACIÓN | CLUB DE DIARISTAS | XIANA DO TEIXEIRO
Convocamos un «club de diaristas» e convidamos a mulleres que desexen formar parte. Xuntarémonos para ler, conversar e incluso volver escribir a propósito do que activan os diarios de adolescencia, os propios e os das compañeiras. Serán catro sesións que se celebrarán con Xiana do Teixeiro os sábados:
»14 de novembro de 2026
»12 de decembro de 2026
»16 de xaneiro de 2027
»6 de febreiro de 2027
Queres unirte a este colectivo temporal? Accede ao formulario de inscrición (abrirase para a recepción de propostas tras a inauguración da mostra, o 23 de setembro)
INFORMACIÓN PRÁCTICA
- De balde
- Dirixida a todas as mulleres interesadas
- Para asistir é necesario cumprimentar este formulario de inscrición
- 20 prazas. A inscrición pecharase cando se cubran as prazas. Esta actividade ten límite de capacidade
__
Crías traballa arredor dos diarios de adolescencia, explorando unha escritura íntima vital que non adoita ser mirada porque nace para ser secreta e se clausura ou se fai desaparecer, porque nos fan avergoñarnos dela. Xiana do Teixeiro, que se declara «diarista arrebatada», transforma o seu proceso de creación da película nun exercicio compartido de autoetnografía colectiva. A partir del van desactivándose barreiras e habilitándose permisos para volver sentir curiosidade e, sobre todo, confianza mutua cara á escrita íntima, cara a aquelas que fomos, e non fomos, na nosa adolescencia. No espazo de Crías tratamos de seguir traizoando o pacto de segredo do diario íntimo, facilitando o acceso a el e decodificando a súa materialidade, mesmo sabendo que quizais se trate do «estrato literario máis baixo da literatura» e, á vez, da «arte bruta perfecta na súa forma» (3). Un ensaio-exploración aberto que se apoia nun nosoutras colectivo para entender o sentido e o valor da nosa escritura íntima. Un film-zine feito con todos os nosos diarios.
Xiana do Teixeiro é cineasta, produtora e investigadora. Aborda os seus proxectos documentais e de cine-ensaio desde unha perspectiva ecofeminista e desde a biofilia. O seu é un cinema posicionado no coidado a todos os niveis: desde as relacións que establece co que investiga, as condicións de benestar do que se convoca a ser filmado, ata os modos de organizar a produción e, mesmo, a súa posta en circulación. É cofundadora, xunto a Emilio Fonseca, de Walkie Talkie Films e de Animalia, produtora coa que presenta Crías, o seu proxecto máis recente tras Todas as mulleres que coñezo (2018).