A nova edición do ciclo CONTEMPORÁNEAS  programa entre outubro de 2025 e maio de 2026  dez propostas, diversas e interdisciplinares para se mergullar creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga.
Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan o público a mergullarse en novas formas de escoita.
Un manancial de sons da man de artistas e formacións de referencia, como Grupo Instrumental Siglo XX con Adriana Aranda,  Isabel Dobarro, André Cebrián e  Pedro Mateo González, Vertixe Sonora, Trío Zukan, Música Práctica con Abraham Cupeiro, PluralEnsemble baixo a dirección de Fabián Panisello, Nacho Muñoz, Sol Álvarez,  Colectivo Galiza Emocional, Marcos PTT, ou o Pulso Ensemble.
A auga serve como fío condutor deste ciclo con obras que exploran a fraxilidade da existencia, a transparencia da emoción e a profundidade da música. A auga, forza vital e metáfora universal, acompáñanos como símbolo de pureza, transformación e renacemento. Mais xunto coa súa beleza e o seu misterio, tamén leva ás costas paradoxos e feridas: a auga que abre soños é a mesma que engole vidas; a que alimenta e renova é tamén obxecto de abuso e de escaseza; a que se ofrece como espello de serenidade pode arrasar coa súa furia imparable. Nestes tempos, falar da auga é falar do sagrado e do político, do que flúe libremente e do que se privatiza, do que nos une e do que nos separa. Na música dos séculos XX e XXI, a súa presenza non só se manifesta no xesto evocador da paisaxe sonora, senón tamén na estrutura mesma da composición, na fluidez das texturas, na erosión do tempo e na procura dun son que, como a auga, nunca é o mesmo. Esta ambivalencia atopou un campo fértil de exploración, de xeito que compositoras e compositores xa non se conforman con representala no seu aspecto visual, senón que afondan na súa esencia inasible: o seu movemento perpetuo, o seu poder de erosión, a súa capacidade de diluír fronteiras. A auga convértese así en principio estrutural, en metáfora sonora e en materia viva da creación.
Este programa propón un percorrido por esas múltiples dimensións. Por unha banda, como imaxe sonora: o silandeiro rumor, a harmoniosa vastidade, a resoante ondada ou o goteo persistente. Por outra, a auga como modelo compositivo: texturas que flúen en suspensión, harmonías que se desfán como escuma, formas que se esvaecen como ondas na superficie. Cada obra propón unha forma de escoita distinta: unhas convidan a contemplar a transparencia dun reflexo, outras a perderse na deriva dun torrente sonoro. Entre o descritivo e o abstracto, entre a imaxe e a forma, estas músicas lembran que a auga é, ante todo, unha maneira de pensar o son. Desde o eco do impresionismo tardío e ata a experimentación electroacústica contemporánea, cada obra desprega unha maneira distinta de pensar as sonoridades en pezas caracterizadas pola súa fluidez formal, tímbrica e dinámica, evocando movemento, transparencia e profundidade. Mais aló da metáfora artística, a auga tamén nos lembra a súa dimensión ética e política. Nun mundo atravesado por crises hídricas, contaminación e desigual acceso a este recurso esencial, escoitala na música é confrontar as súas contradicións: fonte de vida e de conflito, de soños e de traxedias. Talvez, nesta escoita, se atope un espazo para imaxinar outras formas de relación co líquido: non como dominio nin como consumo, senón como diálogo e respecto. Este programa só pretende abrir un espazo de reflexión e resonancia entre a natureza e a arte, entre a memoria e a experimentación sonora, entre o presente convulso e a posibilidade dun futuro distinto. Convidamos o público a mergullarse nestas correntes musicais, a deixarse arrastrar polo seu caudal e a descubrir como a auga —tan necesaria como fráxil, tan luminosa como implacable— se converte en metáfora e materia da música contemporánea.
Todas as actividades son de balde previa retirada de convite ou inscrición
 
>>> LISTAXE DE EVENTOS (preme para ler máis)