COLECTIVO GALIZA EMOCIONAL · SARELA CAUDAL SONORO

DATOS BÁSICOS

CONTEMPORÁNEAS 2025 -2026

Colectivo Galicia Emocional, dinamización e coordinación
Nacho Muñoz, músico
Sol Álvarez e Marcos PTT, Demiúrgo

SARELA CAUDAL SONORO. Un paseo acústico
Desde a Ponte do Carme até o Muíño de Parente (aprox. 75 min.) 
(Máximo 20 persoas en cada paseo previa inscrición en compostelacultura.gal)

A auga é vida, memoria e transformación. O Sarela foi alimento e motor do lecer, da vida e da economía de Compostela, desde que a cidade era tan só unha pequena vila, servindo de testemuña silenciosa do paso do tempo… Mais isto tan só e unha frase feita. Porque o Sarela é de todo menos silencioso. O seu constante borboriñar define a súa contorna, e ese son o que imos amplificar e redescubrir nestes paseos sonoros en vivo realizados polo Colectivo Galiza Emocional. Cunha importancia económica e industrial moito menor na actualidade, vemos estes lugares como zonas residenciais periféricas ou áreas de lecer para descansar do asfalto. Pero o Sarela reborda moita máis vida da que se ve a simple vista. Nas súas beiras garda segredos, intimidades e a pegada do tempo. Nestes paseos seguiremos un itinerario por fontes, lavadoiros, aceas ou canais de rega, lembrando a importancia que as infraestruturas fluviais do Sarela tiveron para esculpir a moderna Compostela. Revelarase ao longo do paseo, o xeito no que as comunidades aproveitaban os recursos naturais, e a necesidade actual de coidar deles. Non convén dar por feita a auga: preto de 2.200 millóns de persoas continúan sen acceso á auga potable.

Sarela Caudal Sonoro consiste nun paseo sonoro amplificado que permite a escoita atenta e consciente das múltiples formas de auga, vida, paisaxe e memoria existentes na contorna do rio Sarela. A experiencia é inmersiva: mediante un sistema Silent Disco de alta calidade, captaremos e transformaremos en directo os sons do percorrido, creando unha peza sonora única en cada ruta. Para iso, empregaremos distintas técnicas e dispositivos de captación de audio, como micrófonos binaurais, cardioides, xeófonos ou hidrófonos. Pero máis aló do tecnolóxico, o obxectivo é evocar emocións. O percorrido está deseñado para conectar coa memoria do lugar, a través das súas ruínas, casas e lavadoiros. Unha persoa guía o grupo, propoñendo dinámicas e xerando contrastes poéticos co escoitado. As persoas paseantes atoparanse con breves intervencións artísticas, en forma de instalación, performances ou música, así como con testemuñas da veciñanza: durante a creación do proxecto, falaremos con habitantes e persoas da zona para incorporar historias presentes e lembranzas que enriquezan a experiencia. Deste xeito, mantemos a identidade do noso colectivo: combinar a emoción que habita no territorio e a creación sonora contemporánea coa divulgación da historia e o presente do territorio. Para loitar por un futuro que pague a pena.
 

Duración: 
75 min (aprox.)
Acceso: 
  • De balde previa inscrición (o formulario estará dispoñible a partir do mes de abril)
Info práctica: 
Sábado, 23 Maio, 2026
11:00
Varios lugares
Sábado, 23 Maio, 2026
12:30
Varios lugares