AMORODIOS

DATOS BÁSICOS

XAN CAMPOS

MÚSICA · CICLO FIESTRA ABERTA

Concerto de presentación do disco Amorodios de Xan Campos 

Xan Campos é unha das voces máis persoais e recoñecidas do jazz ibérico contemporáneo. Nacido en Cangas en 1987, formouse en conservatorios de Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, desenvolvendo unha linguaxe musical que bebe do jazz europeo máis aberto e da exploración constante das formas e os timbres. Con cinco discos como líder e máis de trinta como sideman, participou en festivais de referencia en Europa e América Latina e colaborou con algunhas das figuras máis importantes do jazz internacional. A súa música destaca pola experimentación rítmica, as harmonias expresivas e a mestura de influencias que van da música electrónica ao impresionismo, sempre cunha clara vontade de fuxir do establecido.

Amorodios é o seu proxecto máis recente e, ao mesmo tempo, un punto de inflexión na súa traxectoria. Sen abandonar a identidade musical que definiu os seus traballos anteriores, este novo cuarteto abre unha vía nova no seu universo sonoro: por primeira vez, as letras e a voz entran no centro da proposta, grazas á presenza de Faia Díaz, cantante profundamente conectada coa tradición oral galega e que achega co seu canto unha forza nova, unha verdade que transforma a música e a volve raíz. Completan a banda dous músicos fundamentais do jazz galego: o batería Iago Fernández, recoñecido internacionalmente pola súa capacidade expresiva, e  o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva, que aporta unha gran riqueza tímbrica con ecos do rock. Amorodios é unha catarse e unha síntese, unha música viva, honesta, sen artificios, que conxuga mundos distintos para contar algo novo.

Duración: 
80 MIN
Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349
  • Descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

 

Info práctica: 
Mércores, 22 Abril, 2026
20:30
Teatro Principal