Antía Muíño presenta en Compostela 'Anfibia Por Veces', un paso adiante na nova canción galega

A artista compostelá volve ao Teatro Principal este xoves para compartir en directo o seu segundo álbum, un traballo no que amplía os límites do cancioneiro actual cun son máis plural e aberto.
Producido por ela mesma xunto a Hevi, o disco conta colaboración de artistas galegas como as pandeireteiras Lilaina a violonchelista Margarida Mariño e a brass band Brassica Rapa
O concerto forma parte do ciclo Fiestra Aberta, unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, que apoia o Consorcio de Santiago
Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles, que poden ser adquiridas en compostelacultura.gal, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal
 

Antía Muíño abrirá este xoves, día 5 de marzo ás 20.30 horas, o ciclo de concertos Fiestra Aberta, unha programación musical de Compostela Cultura que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. A artista compostelá chega ao Teatro Principal para presentar en directo Anfibia Por Veces, un álbum que supón un paso adiante na nova canción galega.

Neste segundo traballo, Antía Muíño aposta por unha maneira de entender a canción sen etiquetas pechadas. O disco móvese con naturalidade entre estilos, incorpora novas texturas na produción e explora diferentes camiños sonoros, afastándose de fórmulas previsibles. O resultado é un proxecto variado e coidado que a consolida como unha das compositoras máis inquedas da súa xeración.

Despois de Carta Aberta, un debut moi celebrado que hai pouco máis de tres anos a situou como unha das grandes revelacións da nova canción galega —e que a levou a actuar por todo o Estado e tamén en países como Marrocos, Portugal ou República Checa—, Antía Muíño regresa cun proxecto máis ambicioso e diverso.

Producido por ela mesma xunto a Hevi —produtor galego que traballou con artistas como Caamaño & Ameixeiras, FAIA, Novedades Carminha, Grande Amore ou Néboa—, Anfibia Por Veces combina sensibilidade e eclecticismo. Mantendo a canción como eixe central, o disco abre o abano estilístico e sonoro sen perder coherencia.

O repertorio percorre diferentes rexistros: desde unha indietrónica con ecos jazz en «Amodinho», pasando por un neofolk galego en «Augha Desa Fonte», referencias á chacarera en «Eu Canto», ambientes de inspiración sinfónica en «Umbral,», presenza de sección de ventos en «Amor Fugaz», un ton máis lixeiro en Anfibia Por Veces, ata cancións máis espidas como «Mientras Sueño y Vivo» ou «Cien Olivos», e momentos de maior intensidade como «A Beleza» ou «FiGA». Esta variedade define un álbum rico en matices e con identidade propia.

Anfibia Por Veces conta coa colaboración de artistas galegas como as pandeireteiras Lilaina —compañeiras tamén nos directos de Baiuca—, a violonchelista Margarida Mariño e a brass band Brassica Rapa, coa que xa colaborara anteriormente no tema «Oliveira ardendo». Todas elas arrouparán a Antía Muíño nesta presentación en concerto en Compostela, un directo luminoso e cheo de forza colectiva do que tamén farán parte Miguel Arribas no saxo e frauta, Yudit Almeida no contrabaixo e Carlos Freire na percusión.

Aínda quedan unhas poucas entradas dispoñibles (12 euros, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) que poden ser adquiridas en compostelacultura.gal, e  na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Se non se esgotan antes, tamén se poderán mercar directamente no despacho de billetes do Teatro Principal o propio xoves a partir das 19.30 horas. 

Fiestra Aberta, un mapa de voces e resonancias

Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel semestral dun programa que se estenderá até final de ano con novas propostas.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo, cuxo título ecoa as últimas palabras de Rosalía de Castro, insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura da autora e coa súa proxección como referente cultural europeo. 

Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, Fiestra Aberta conta co apoio do Consorcio da Cidade.