

O cineasta galego presentou Despois das cidades na inauguración da 23ª edición do festival e participará este mércores nun encontro aberto con Encarna Otero e Antón Baamonde
Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e o ICAA.
A 23ª edición de Curtocircuíto ergueu o pano este martes coa presentación de Despois das cidades, o novo filme de Xacio Baño. O director galego protagonizou a inauguración oficial do Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela cunha obra que converte a cidade no punto de partida dunha reflexión sobre a memoria, a paisaxe e as transformacións do espazo urbano. Durante a presentación, Baño explicou que a película naceu da vontade de "volver ver esta cidade cos ollos do outro" e que, sen guión previo, foi xurdindo dos distintos ollares e experiencias sobre Compostela ate conformar na montaxe un filme que "convida a perderse, a viaxar sen saber onde ir".
Xacio Baño, director de Despois das cidades (Foto: Aigi Boga)
A través de múltiples voces, cartas e postais, Despois das cidades constrúe unha mirada coral sobre Santiago de Compostela, explorando as pegadas que o tempo deixa tanto nos lugares como nas persoas. A proxección no Teatro Principal marcou o inicio dunha edición que, ata o vindeiro 5 de xullo, reunirá na cidade cineastas, artistas e público arredor do cinema contemporáneo e da creación audiovisual.
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; do director da AGADIC, Jacobo Sutil; e do director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, ademais de representantes da corporación municipal, de entidades colaboradoras e do ámbito cultural.
De esquerda a dereita, Dimas González, Marta Abal, Borja Verea, Jacobo Sutil, Xacio Baño, Goretti Sanmartín, Pela del Álamo. Míriam Louzao, Xan Duro e Mercedes Rosón (Foto: Aigi Boga)Durante a súa intervención, a alcaldesa destacou que Despois das cidades amosa "as capas do Santiago máis visible e do máis invisible, as lembranzas e do patrimonio que non está conformado unicamente por edificios ou monumentos, senón fundamentalmente por relatos e por persoas", salientando a capacidade do cinema para axudar a comprender a cidade desde novas perspectivas.
Intervención da alcaldesa Goretti Sanmartín (Foto: Aigi Boga)
A reflexión iniciada por Despois das cidades terá continuidade este mércores 1 de xullo ás 12.00 horas no Paseo dos Camelios do Hotel NH Collection Santiago, onde Xacio Baño participará nun encontro aberto á prensa e ao público xunto á historiadora e política Encarna Otero e ao filósofo e escritor Antón Baamonde. A conversa afondará no proceso creativo da película e nas cuestións que atravesan o filme, como a memoria colectiva, a identidade da cidade e as transformacións da paisaxe urbana.
Tras a inauguración, Curtocircuíto desenvolverá ata o 5 de xullo unha programación que reúne as competicións oficiais Cosmos, Planeta GZ e Supernova, os focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López, a entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier, concertos audiovisuais, residencias artísticas, encontros con creadoras e creadores e numerosas actividades abertas á cidadanía.
O director da AGADIC, Jacobo Sutil, definiu Curtocircuito como "un modelo de festival comprometido coa innovación, coa diversidade de linguaxes e coa proxección internacional do noso audiovisual" e salientou que constitúe "un punto de encontro entre a vangarda e o público, entre o local e o global, entre a experimentación e a industria", reivindicando o seu papel estratéxico para o desenvolvemento do sector audiovisual galego
Intervención do director da AGADIC, Jacobo Sutil (Foto: Aigi Boga)Á súa vez, o director artístico do certame, Pela del Álamo, subliñou que a programación deste ano "conecta o festival coa contemporaneidade", non só desde a súa dimensión formal, "senón tamén coas problemáticas e as cuestións que como individuos e como sociedades nos interpelan", e reivindicou Curtocircuíto como "un espazo para que nos reunamos, falemos, reflexionemos, por suposto tamén celebremos".
Intervencion do director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo. (Foto: Aigi Boga)
Entradas
O festival conta cun abono xeral de 25 euros, válido para todas as actividades programadas no Teatro Principal, Auditorio de Galicia e NUMAX. As entradas individuais teñen un prezo de 4 euros para as proxeccións de cinema e de 7 euros para as sesións Live AV, mentres que os DJ sets na Sala Fantástica e as actividades programadas nas prazas da cidade son de acceso libre. As entradas poden adquirirse a través de compostelacultura.gal e tamén de maneira presencial na Zona C, no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia e, no caso da sesión Terra, en NUMAX. O abono deberá recollerse fisicamente na Zona C e non garante o acceso ás actividades sen retirada previa de entrada, ata completar a capacidade.


