Ryoichi Kurokawa encabeza o cartel de concertos audiovisuais de Curtocircuíto xunto a Marta Verde, José Venditti, Los Sara Fontan, Sevi Iko Dømochevsky e Arvin Dola

O xaponés Kurokawa volverá a Santiago a presentar nD, a nova evolución dun dos artistas máis influentes da escena AV internacional
Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé e  Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky completan unha programación marcada polo intercambio entre artistas galegos e estatais
Despois das cidades, de Xacio Baño, será o filme inaugural desta edición
 

Curtocircuíto volve apostar nesta edición pola creación audiovisual en directo cun programa de concertos audiovisuais que reúne algunhas das propostas máis estimulantes da escena internacional e estatal. O artista xaponés Ryoichi Kurokawa encabeza unha programación na que tamén participarán Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé e Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky, conformando un percorrido por diferentes formas de relación entre son, imaxe, tecnoloxía e performance.

Concibida como unha extensión da programación cinematográfica máis experimental do festival, a sección de concertos audiovisuais dialoga directamente con propostas da selección fílmica, establecendo pontes entre a experiencia cinematográfica, a inmersión sensorial e a performance. Ademais, a programación destaca pola presenza de colaboracións entre artistas galegos e estatais, impulsando espazos de creación compartida e intercambio de linguaxes.

A programación audiovisual de Curtocircuíto reafirma así a súa aposta por propostas que expanden os límites do cinema e da creación audiovisual contemporánea, convertendo Santiago de Compostela nun punto de encontro para artistas que investigan novas formas de relación entre imaxe, son e tecnoloxía.

Figura fundamental da creación audiovisual contemporánea, Ryoichi Kurokawa volve a Curtocircuíto e presentará nD no Auditorio de Galicia, un proxecto que desenvolve desde hai dúas décadas e que foi exhibido en institucións e festivais de referencia como Tate Modern, Ars Electronica ou MUTEK. A peza propón unha experiencia inmersiva na que son e imaxe se fusionan nun fluxo continuo que cuestiona as fronteiras entre abstracción e representación, dualidade e unidade, estimulando de maneira simultánea a percepción visual e auditiva do público. 

Na praza de Praterías, a creadora pontevedresa Marta Verde e o compositor e artista sonoro estremeño José Venditti farán a estrea mundial de  GAMMA, unha performance inspirada nas investigacións científicas arredor da actividade cerebral nos instantes previos á morte. A través dunha combinación de son, luz e imaxe, a peza constrúe unha experiencia física e sensorial que explora o tránsito entre estados de consciencia e os límites da percepción humana. O traballo continúa a liña de investigación que ambos os artistas desenvolven conxuntamente desde hai unha década, centrada na relación entre tecnoloxía, espiritualidade e fenómenos difíciles de explicar desde unha perspectiva estritamente racional.

No aparcadoiro do Auditorio de Galicia, Curtocircuíto acollerá tamén a estrea de Consuelo no parking: un concerto iluminado con coches, unha creación concibida especificamente para o festival por Los Sara Fontan e a fotógrafa compostelá Tamara de la Fuente. A proposta establece un diálogo entre a cultura do parkineo e a música experimental, reivindicando espazos de encontro espontáneo e comunitario afastados das dinámicas convencionais da industria cultural. Violíns procesados, ritmos irregulares, luces halóxenas e imaxinarios ligados á cultura automobilística conforman unha peza que combina ironía, celebración colectiva e experimentación sonora. 

Na carballeira de Santa Susana, o compositor e multiinstrumentista andaluz Arvin Dola e a artista visual estadounidense Irene Gaumé presentarán O Ghost, adaptación escénica do álbum debut de Dola. A proposta combina sintetizadores, voz e violonchelo cun dispositivo visual construído a partir de fotografía dixital, técnicas de focus stacking e intelixencia artificial. O resultado é unha experiencia audiovisual que explora a fragmentación da identidade, a memoria e a aparición de formas espectrais nun espazo de constante transformación entre o analóxico e o dixital.

Na praza da Quintana, o galego Artur M Puga e o andaluz Sevi Iko Dømochevsky presentarán unha colaboración creada especificamente para Curtocircuíto, Maintaining Investor Confidence Through Accelerated Decay. A medio camiño entre a intensidade da cultura club, o cinema experimental e a ficción especulativa, a peza desprega un ecosistema en transformación constante onde tecnoloxía, materia e percepción permanecen abertas á mutación.

A programación completarase coas sesións de dj na sala Fantástica. O venres será o turno de Frau Troffea, artista compostelá integrante do colectivo Gas Clube. A súa proposta para Curtocircuíto articúlase arredor da idea da dualidade, construíndo unha viaxe sonora que transita entre a luz e a escuridade, a tensión e o descanso, o impulso e a contemplación. A través de ritmos quebrados, estruturas cambiantes e unha selección en constante evolución, o seu set explora os contrastes que atravesan tanto a experiencia humana como a música, convertendo a pista de baile nun espazo de transformación e descubrimento.

O sábado a noite estará a cargo de PV3000, proxecto do músico e artista visual vigués Emilio Horyaans. O seu set percorrerá territorios situados entre o techno, o electro, a bass music e a IDM, combinando ritmos de club, texturas abstractas e atmosferas melancólicas nunha proposta que dialoga coa dimensión máis experimental da programación do festival.