

O festival dedicará un foco á cineasta francesa, referente internacional do cinema experimental máis divertido e autora dunha singular galería de retratos de artistas, músicos e creadores das últimas décadas
O ciclo Psicoxeografías proxectará os últimos traballos de Carlos Casas, Xacio Baño, Aleix Plademunt e Carlos Marqués-Marcet e Adrián Canoura
O filme inaugural será Despois das cidades, de Xacio Baño
A programación complétase con actividades protagonizadas pola escritora e pensadora Marta Echaves, o fotógrafo Ricardo Cases, o artista Aleix Plademunt e polos cineastas Lawrence Lek e Gala Hernández
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), concederá nesta edición o premio especial Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier, unha das creadoras máis libres, imaxinativas e inclasificables do cinema contemporáneo. A súa obra sitúase nun territorio singular onde o cinema e a música dialogan constantemente a través de retratos marcados pola experimentación formal, a tenrura e o humor. Ao longo da súa traxectoria construíu unha extraordinaria galería de figuras fundamentais da cultura underground europea e norteamericana, retratando artistas e músicos como Alan Vega, Genesis P-Orridge, Peaches, Guy Maddin ou The Residents desde unha proximidade que transforma cada filme nun espazo de complicidade, liberdade e creación compartida.
O premio Atlas naceu co obxectivo de recoñecer traxectorias cinematográficas innovadoras e arriscadas, capaces de ampliar os límites da linguaxe audiovisual. Neste contexto, a obra de Marie Losier constitúe unha referencia fundamental do cinema contemporáneo e do retrato artístico das últimas décadas.
Os seus filmes foron exhibidos en institucións e festivais de referencia internacional como Cannes, Berlín, Venecia, Rotterdam, IDFA, Tate Modern, MoMA, Palais de Tokyo, Centre Pompidou ou La Cinémathèque Française.
O foco dedicado a Marie Losier permitirá descubrir algunhas das obras máis representativas da súa filmografía recente e dos seus retratos de figuras fundamentais da creación artística contemporánea. A programación incluirá The Ontological Cowboy (2005), dedicado ao dramaturgo e director de vangarda estadounidense Richard Foreman; Electrocute Your Stars (2004), un retrato lúdico e afectuoso de George Kuchar, un dos grandes nomes do cinema underground; Tony Conrad: DreaMinimalist (2008), arredor do compositor, cineasta e artista experimental; e Barking in the Dark: The Residents (2025), a súa máis recente película, estreada no Festival de Rotterdam e centrada na mítica e misteriosa banda estadounidense The Residents.
O festival proxectará tamén Bim, Bam, Boom, Las Luchas Morenas (2014), unha celebración do universo feminino da loita libre mexicana; Felix in Wonderland (2019), dedicado ao produtor e compositor alemán de música electrónica Felix Kubin; e Alan Vega, Just a Million Dreams (2014), un achegamento íntimo aos últimos días do lendario músico estadounidense fundador de Suicide. A través destas obras, Losier compón unha singular galería de retratos que transcenden o documental biográfico para converterse en experiencias cinematográficas profundamente persoais, onde a amizade, a performance, a fantasía e a creación artística conviven nun mesmo espazo de liberdade.
Ciclo Psicoxeografías: a correspondencia entre a materia e o espírito
Psicoxeografías reúne catro filmes que exploran a realidade e a existencia humana desde perspectivas moi diferentes pero comprendidos todos eles dentro da ampla etiqueta da etnografía experimental. Catro propostas que na súa exploración da linguaxe audiovisual entroncan coa programación live av, especialmente Krakatoa, que chega ao festival na súa versión expandida que incluirá performance lumínica, desbordando así a idea convencional de proxección. O 3 de xullo, estas propostas dialogarán cun percorrido especial que conectará cinema expandido, performance audiovisual e música en directo.
O itinerario comeza con Krakatoa, de Carlos Casas, unha experiencia de cinema expandido que se achega aos límites entre realidade, mito e inconsciente a través dunha exploración sensorial dunha illa volcánica remota. Continúa con Un arbre és un arbre, de Aleix Plademunt e Carlos Marqués-Marcet, un filme nacido do diálogo entre fotografía e cinema que reflexiona sobre o paso do tempo, a permanencia e a relación entre o ser humano e a natureza.
O ciclo inclúe ademais dúas das obras máis destacadas do cinema galego do ano. Despois das cidades, de Xacio Baño, filme inaugural desta edición que propón unha deriva persoal pola cidade de Santiago de Compostela na procura das capas visibles e invisibles do territorio urbano. Pola súa banda, Fomos ficando sós, do habitual en Curtocircuíto Adrián Canoura, clausurará esta edición. A obra compón unha cartografía da ausencia e das relacións paternofiliais a través dunha travesía oceánica marcada pola memoria e a distancia.
Actividades
Curtocircuíto completará a súa programación cinematográfica cunha serie de encontros e actividades abertas ao público que amplían os diálogos propostos polos filmes, os espectáculos audiovisuais e os artistas convidados desta edición.
O fotógrafo Ricardo Cases protagonizará un encontro no que percorrerá a súa traxectoria e metodoloxía de traballo a partir dun arquivo visual profundamente vinculado ao Levante e ás paisaxes da vida cotiá. A súa obra dialoga coa etnografía, a observación e o xogo para construír itinerarios alternativos a través da realidade. Autor de proxectos fundamentais como Paloma al aire ou Podría haberse evitado, o seu traballo consolidouse como unha das achegas máis singulares da fotografía española contemporánea. En Curtocircuíto ofrecerá unha conversa arredor da evolución da súa práctica artística, os seus procesos de creación e a construción dun arquivo visual chamado a converterse nun testemuño esencial da España do noso tempo.
O artista, cineasta e músico Lawrence Lek protagonizará dúas actividades. En Algoritmo sobrealimentado: un diálogo especulativo sobre un colapso anunciado conversará coa cineasta Gala Hernández López sobre as relacións entre tecnoloxía, intelixencia artificial, algoritmos e imaxinarios de futuro, cuestións centrais no traballo de ambos creadores. Ademais, en A metodoloxía de Lawrence Lek: sound & vision, ofrecerá unha sesión centrada nos procesos creativos que articulan a súa obra, un espazo para achegarse ás ferramentas, referencias e metodoloxías que emprega na construción dos seus universos audiovisuais.
A escritora e investigadora Marta Echaves partirá do seu libro Químicas piedades para afondar, a través dunha conferencia, nas cuestións que o festival vén propoñendo nas diferentes actividades, centrándose nas relacionadas coas transformacións das subxectividades no capitalismo actual e coa medicalización da vida e os réximes farmacolóxicos, que son algúns dos eixes centrais do seu traballo ensaístico.
A programación de actividades incluirá tamén un encontro coa cineasta Marie Losier con motivo da entrega do Premio Curtocircuíto Atlas. O diálogo permitirá percorrer unha traxectoria marcada polo retrato de artistas, músicos e figuras da cultura underground europea e neoiorquina, que funcionan como un álbum familiar das vangardas europeas e americanas do século XX, así como afondar nos procesos creativos dunha das autoras máis singulares do cinema experimental contemporáneo.
O fotógrafo e cineasta Aleix Plademunt ofrecerá un encontro arredor do fotolibro Matter, o proxecto co que explora cuestións como a identidade, a materia e a relación do ser humano coa natureza. Curtocircuíto propón esta actividade para incidir nese carácter interdisciplinario da creación. Esta conversa permitirá achegarse a un proxecto híbrido que partiu do soporte editorial en Matter para evolucionar e converterse no filme Un arbre és un arbre, a película que Plademunt codirixiu co cineasta Carlos Marqués-Marcet presente en Psicoxeografías. Unha traxectoria internacional que conecta fotografía, cinema, territorio e memoria.