

Dous espectáculos sensoriais e musicais convidan as familias a compartir experiencias escénicas especialmente pensadas para bebés e público miúdo
Entradas á venda (3 €) en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C
Compostela Cultura dedica a primeira fin de semana de maio ao público máis miúdo cunha dobre proposta no Auditorio de Galicia, integrada no ciclo Por Vez Primeira da programación d’A Tropa C, que convida a descubrir a música e a escena desde os primeiros anos de vida. Os espectáculos O mellor primeiro concerto para bebés, de Musicalmente, e Lumiero, da compañía La Menuda, configuran unha programación pensada para espertar a curiosidade, estimular os sentidos e favorecer o encontro entre crianzas e persoas adultas a través da experiencia artística compartida.
O mellor primeiro concerto para bebés é unha produción de MusicalmenteO sábado 2 de maio será a quenda de O mellor primeiro concerto para bebés, unha proposta dirixida a nenas e nenos de até 3 anos de idade que transforma o escenario nun espazo de exploración sonora. A partir dun repertorio que vai de Monteverdi, Bach ou Mozart ata o jazz, as músicas do mundo ou a improvisación, o espectáculo constrúe unha viaxe musical rica e accesible. Instrumentos como saxofóns, clarinetes, birimbaos ou cavaquiños compoñen unha paisaxe sonora diversa que dialoga co movemento e coa interacción co público, xerando un ambiente estimulante e acolledor para as primeiras experiencias musicais.
Escena de Lumiero, de La Menuda
Xa o domingo 3 de maio, Lumiero mergulla as familias nun universo poético de luz e son. Pensado para a cativada a partir de 1 ano, este espectáculo visual e musical presenta a historia de Lumiero e da súa filla Lumina, que xogan cun mundo feito de luces, sombras e obxectos que cobran vida. A través dunha coidada combinación de música, xoguetes sonoros e pequenos artefactos, a proposta crea unha atmosfera delicada e suxestiva, onde a imaxinación e o humor acompañan un relato sen palabras que conecta directamente coa sensibilidade do público máis novo.
Ambas funcións contarán con dous pases cada día, ás 11.00 e ás 12.30 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas (3 €) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e o día do evento no despacho de billetes do Auditorio, sempre que existan aínda localidades dispoñibles.
A Tropa C é a liña de programación de Compostela Cultura dirixida ao público familiar, un universo cultural que espalla pola cidade propostas de teatro, música, danza, circo e xogos desde unha perspectiva accesible, diversa e participativa. A través de diferentes eixes —entre eles Por Vez Primeira, orientado á primeira infancia— o programa busca crear hábitos de acceso á cultura desde idades temperás, reforzando a idea da cultura como dereito e promovendo experiencias compartidas afastadas de lóxicas mercantilistas e mediadas directamente pola vivencia escénica.