Circo, danza e clown para toda a familia na Casa das Máquinas con ‘Royal’

Paula Quintas e Arturo Cobas presentan unha peza escénica chea de humor, ritmo e acrobacias o sábado 7 de marzo ás 18.00 horas, con acceso de balde até completar capacidade
O espectáculo forma parte da axenda escénica d’A Tropa C, a programación que Compostela Cultural dirixe ao público familiar
 

A Casa das Máquinas acollerá o vindeiro sábado 7 de marzo, ás 18.00 horas, a representación de Royal, un espectáculo de circo-danza dirixido a público familiar a partir de 3 anos que combina humor, emoción e acrobacias nunha proposta escénica tan lixeira como evocadora. A función, con acceso de balde até completar capacidade, terá unha duración aproximada de 50 minutos e desenvolverase en lingua galega.

Cocreada e interpretada por Paula Quintas e Arturo Cobas, Royal constrúe unha historia onde a linguaxe do corpo se converte na tinta coa que se escribe, no aire, un relato cheo de ritmo, elegancia e complicidades. A peza combina o clown poético de Cobas cos equilibrios e a danza de Quintas, xerando un xogo escénico no que os movementos, os enredos e o humor dialogan constantemente co público.

A proposta destaca pola súa capacidade para mesturar disciplinas —circo, danza contemporánea e teatro físico— nunha dramaturxia baseada no corpo e no movemento. O resultado é un espectáculo fresco e dinámico que busca sorprender e emocionar ao tempo que invita o público a compartir unha experiencia artística pensada para todas as idades.

Con Royal, Paula Quintas e Arturo Cobas propoñen unha nova cita co público compostelán nun espectáculo que conxuga humor, virtuosismo físico e poesía escénica, convertendo a Casa das Máquinas nun espazo de xogo e imaxinación para toda a familia.