Teatro, xogos e música para o público familiar na fin de semana

Os ‘Monstros’ de Producións Teatrais Escénicas toman o escenario do Auditorio de Galicia este sábado, 11 de abril, ás 18.00 horas
XOTRAMU leva á Casa das Máquinas unha nova sesión de brinquedos para a rapazada o domingo de 11 a 13 horas
 

Compostela Cultura ofrece esta fin de semana dúas propostas dirixidas á rapazada e ás súas familias que, como parte da programación d’A Tropa C, inclúen actividades que combinan lecer e aprendizaxe.

 

O sábado 11 de abril, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas, unha obra que convida a reflexionar sobre o medo e a diferenza a través dunha aventura teatral protagonizada por un grupo de amizades que se enfrontan aos seus propios temores nun percorrido cheo de humor e imaxinación. Con autoría e dramaturxia de Lucía Aldao e María Lado, dirección de Marcos Orsi e un elenco formado por Patricia Vázquez, Rocío González, Víctor Mosqueira e o propio Orsi, a proposta combina interpretación, música en directo e un dispositivo escénico que transforma o espazo nun territorio cambiante e suxestivo. Inspirada nas narracións xuvenís de aventuras e na tradición oral galega, Monstros constrúe unha historia que convida a mirar o diferente desde a empatía, ao tempo que propón unha experiencia teatral viva, dinámica e participativa. Dedicada a Piti Sanz, a peza foi recoñecida co Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil de 2025. 

Para este espectáculo, quedan apenas unhas poucas entradas dispoñibles (cun prezo único de 3 €) que se poden adquirir de forma anticipada na web compostelacultura.gal e na Zona C · Punto de Información Cultural. En caso de ficaren vacantes, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do propio Auditorio de Galicia dende as 17 horas.

Xa o domingo 12 de abril, colectivo Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU) tomará a Casa das Máquinas entre as 11 e as 13 horas para convidar a rapazada a unha sesión participativa que recupera xogos tradicionais galegos que e procuran que as neneas e nenos experimenten co movemento, a habilidade e o xogo compartido. Neste caso, o  acceso é libre ata completar capacidade.

Ambas propostas forman parte da liña de programación familiar de Compostela Cultura, orientada a fomentar a participación e o acceso á cultura desde idades temperás.