

A Casa das Máquinas acolle esta fin de semana dúas actividades de balde especialmente pensadas para o público miúdo: ‘Enredos. Manufacturas imposibles’ e ‘SororAs. Xogos Tradicionais’
A programación de Compostela Cultura dedica a fin de semana ao público infantil e familiar con dúas propostas de balde na Casa das Máquinas, que forman parte da programación A Tropa C na Casa!. Circo contemporáneo e xogos tradicionais convértense en ferramentas para pór en valor o tempo compartido, a imaxinación e a aprendizaxe en igualdade.
O sábado 31 de xaneiro, ás 18.00 horas, chega Enredos. Manufacturas imposibles, da compañía A Vela Circo, un espectáculo en galego recomendado para a rapazada de 3 anos en diante. A proposta convida a imaxinar que pasaría se un pallaso herdase unha vella empresa familiar chea de maquinaria enferruxada, engrenaxes desaxustadas e estruturas inestables.Neste escenario cheo de imprevistos, o humor, as destrezas circenses e a poesía visual van resolvendo os enredos ata que todo acaba encaixando. Cunha duración aproximada de 50 minutos, o espectáculo celebra o enxeño, a creatividade e a capacidade de adaptación.
A programación continúa o domingo 1 de febreiro, de 11.00 a 13.00 horas, coa proposta SororAs, Xogos Tradicionais. Pensada para nenas e nenos de 1 a 12 anos, SororAs é un espazo de creación e aprendizaxe que incorpora a perspectiva de xénero a través do xogo. Durante dúas horas, a rapazada poderá xogar cos brinquedos de hoxe e de sempre nun ambiente que fomenta a axilidade mental, o traballo en equipo e a convivencia interxeracional, desde unha experiencia inclusiva, participativa e en galego.
Ambas as propostas son actividades de acceso gratuíto até completar capacidade, polo que non é necesario retirar convites.