SUMRRÁ e De Vacas celebran aniversario no Auditorio de Galicia

O trío galego de jazz que conforman Xacobe Martínez Antelo, Manuel Rodríguez e LAR Legido conmemora 25 anos nos escenarios cun concerto en Compostela no que presentarán o seu último traballo, Revoluti8n
O décimo aniversario de De Vacas toma forma operística con Vacanal Sinfónica, un espectáculo de gran formato no que Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández se acompañan de orquestra, coro e un feixe de colaboracións
As entradas para ambos os concertos están dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C

 

 

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este mércores en rolda de prensa dous concertos especiais da axenda de Compostela Cultura que celebran a traxectoria de dúas das bandas máis representativas da escena musical compostelá: o trío de jazz SUMRRÁ, que despide en novembro a xira do seu 25 aniversario, e o grupo De Vacas, que festexa en decembro os seus 10 anos de traxectoria cun espectáculo sinfónico. 

Acompañada na rolda de Xacobe Martínez Antelo, Paula Romero, e María José Pámpano, Louzao puxo en valor a “traxectoria destas formacións excepcionais que son parte viva da banda sonora desta cidade” e convidou a cidadanía e visitantes de Santiago a asistir a estes “dous concertos que, máis que eventos illados, son fitos dunha mesma historia colectiva: a dunha Compostela fértil, diversa e creativa”.

SUMRRÁ · Revoluti8n

O primeiro dos concertos será o de SUMRRÁ, o sábado 29 de novembro, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia. O trío formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería), pecha en Compostela  a xira conmemorativa dos seus 25 anos cun concerto especial no que presentan o seu novo álbum, Revoluti8n.

Sobre este novo traballo, Xacobe Martínez Antelo confesa que “despois de 25 anos queríamos mover o avesporeiro, mover a cadeira onde estamos e forzar unha escoita distinta”. E continúa: “Quixemos facer un disco que, para nós, a nivel compositivo e de posta en escena é unha revolución, e nel mantemos ese espírito indómito e salvaxe de testarnos a nós mesmos”.   

Recoñecido co Premio Jazz España 2022, SUMRRÁ é o trío máis lonxevo da escena jazzística estatal e un dos proxectos galegos con maior proxección internacional, con actuacións en festivais de Canadá, Corea, México, Brasil, China, Sudáfrica ou Portugal. 

O espectáculo que presentan en novembro no Auditorio contara co deseño de son de Xurxo Pinheiro e deseño de espazo escénico do de Laura Iturralde e Coti.

De Vacas · Vacanal sinfónica

Un mes despois, o domingo 28 de decembro, tamén ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, será a quenda de De Vacas. que celebra o seu 10º aniversario co espectáculo Vacanal Sinfónica. Inés Salvado, Paula Romero, Faia Díaz e Guillerme Fernández presentan unha proposta de gran formato que revisa a historia musical da banda nunha clave operística e sinfónica creada para a ocasión.

Paula Romero destaca o carácter especial desta cita na que De Vacas muda a súa presentación tradicional, “acostumadas a estar sempre espidas na escena, só tres voces e unha guitarra, decidimos que o décimo aniversario tiña que ser todo o contrario. E, entón, contamos co acompañamento do Coro da Ra –que ademais é o coro onde Inés, Faia e eu nos coñecemos–, e cun cuarteto de cordas e un cuarteto de ventos”. Para, prosegue, “a través de toda esta armadura crear un carácter sinfónico dos temas que máis compartimos co público, que máis lle gustan ao noso público, poñernos moi barrocas e levalo todo a esa fantasía, a este mundo irreverente que tanto nos gusta”. 

O concerto contará con arranxos e dirección musical do compositor Lucas Rei, a participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo, a da orquestra creada especificamente para este proxecto –e conformada por María José Pámpano, Elena Vázquez, Carmen Gallego, Macarena Montesinos, Benxamín Otero, Pablo Pascual, Claudia Carballo e Roberto Rama– e cunha posta en escena a cargo d’As dúas e punto. 

Entradas

As entradas para ambos os concertos (12 €, con descontos do 50% para diferentes colectivos) están dispoñibles dende este mércores na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de información Cultural (situada na praza de Cervantes e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). En caso de existir aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día de cada evento dende unha hora antes do seu comezo.