Raquel Areal, primeira galega na Filharmónica de Berlín, protagoniza “Ao lonxe” coa Real Filharmonía de Galicia

O programa poderá escoitarse o xoves 29 de xaneiro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e o público terá a oportunidade de afondar no proceso creativo da obra de estrea no encontro previo “Conversando con…”.

A Real Filharmonía de Galicia presenta “Ao lonxe”, un programa que pon o foco no violín da man de Raquel Areal, solista convidada e unha das intérpretes galegas con maior proxección internacional na actualidade, baixo a dirección do seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann. As citas serán o xoves 29 de xaneiro en Santiago de Compostela e o venres 30 de xaneiro no Centro Cultural Afundación, en Vigo.

O programa abrirase coa estrea absoluta dunha nova obra de Voro García, Muffled cry, encargo da Real Filharmonía de Galicia dentro do proxecto “Cometas”, unha iniciativa que aposta pola creación contemporánea e pola presenza activa dos compositores do noso tempo na tempada de abono. 

Deseguido, a música de García dá paso ao Concerto para violín nº 2 de Serguéi Prokófiev, composto en 1935, case trinta anos despois do seu primeiro concerto para este instrumento. Escrita nun momento decisivo da súa traxectoria, cando o compositor se preparaba para regresar á Unión Soviética tras un longo período de éxitos en Occidente, esta obra foi o último encargo que Prokófiev recibiría do mundo occidental e estreouse en Madrid cunha singular presenza de castañolas.

A segunda parte do concerto estará dedicada á Sinfonía nº 2 de Jean Sibelius, escrita en 1902 tras unha breve estancia do compositor finés en Italia. A pesar da vida marcada polas dificultades económicas e a enfermidade que acompañaron a Sibelius, esta sinfonía desprende unha extraordinaria forza vital e unha gran riqueza melódica, articulada en catro movementos de estrutura formal conservadora e ampla expresividade.

A dirección musical corre a cargo de Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, recoñecido internacionalmente pola súa claridade interpretativa, o seu rigor técnico e o seu compromiso coa música dos séculos XX e XXI, sen renunciar a unha lectura profunda do gran repertorio sinfónico.

Como solista participa a violinista Raquel Areal, que desde maio de 2025 forma parte da Filharmónica de Berlín, converténdose na primeira galega en ingresar nesta prestixiosa orquestra, considerada unha das mellores do mundo. Formouse na Escola Superior de Música Reina Sofía e na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín. Ao longo da súa traxectoria traballou con directores e solistas de referencia internacional como Kirill Petrenko, Sir Simon Rattle, Daniel Barenboim, Andris Nelsons, Janine Jansen ou Lisa Batiashvili, e actúa habitualmente como solista, en música de cámara e en formacións orquestrais nas principais salas de concertos do mundo. Gañadora de importantes premios internacionais, Areal combina unha técnica sólida cunha gran sensibilidade interpretativa, que a converte nunha das figuras máis destacadas da súa xeración.

O programa conta tamén coa presenza do compositor Voro García, nacido en Sueca, unha das voces máis recoñecidas da creación contemporánea española. A súa obra foi interpretada en Europa, Estados Unidos e América Latina por algunhas das formacións e solistas máis prestixiosos do panorama actual, e recibiu numerosos premios e encargos de institucións como o INAEM, a JONDE ou o Auditorio Nacional. García desenvolve ademais unha intensa labor pedagóxica e é director artístico da Mostra Sonora de Sueca e do Ensemble Espai Sonor. A súa nova partitura para a Real Filharmonía inscríbese plenamente no espírito explorador do proxecto Cometas.

Antes do concerto de Santiago, o público poderá asistir ao encontro “Conversando con…”, que terá lugar o xoves 29 de xaneiro ás 19:45 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, unha oportunidade para coñecer as claves do programa “Ao lonxe” e afondar no proceso creativo da obra de estrea.

As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Por outro lado, para o concerto de Vigo, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 13,30€.