O programa 'Patrimonio C' abre á cidadanía o legado histórico e cultural de Compostela

Compostela Cultura programa até final de ano un amplo abano de actividades para visitar, gozar e vivir a riqueza patrimonial de Santiago • Do 9 ao 14 de setembro a sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible ofrece visitas guiadas de balde a espazos singulares e habitualmente inaccesibles de Compostela •  O sábado 14, a cidade súmase tamén ás celebracións da Noite do Patrimonio con espectáculos de música e danza, itinerarios guiados e coa apertura de portas a obradoiros, espazos de arte e outras localizacións esenciais do seu mapa cultural 
 

De esquerda a dereita, o director de Trivium César Abella, a alcaldesa Goretti Sanmartín, a deputada de Cultura Natividade González e o xestor cultural Manuel Rial 

O Concello de Santiago principia este mes de setembro o ciclo Patrimonio C, un intenso programa de actividades para difundir e pór en valor a riqueza patrimonial da cidade, aguilloar o sentimento de pertenza da cidadanía e a curiosidade das e dos visitantes, ademais de resignificar e poboar os seus espazos singulares e históricos, alicerzando o seu uso por parte da veciñanza fronte á dinámicas que os limitan a un uso exclusivamente turístico. 

A alcaldesa Goretti Sanmartín presentou esta iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña nunha rolda de prensa na que interviñeron tamén a deputada de Cultura desta institución, Natividade González, e César Abella e Manuel Rial, director xeral e xestor cultural de Trivium, entidade participante na organización do programa.
En palabras da alcaldesa, “Compostela é unha cidade e un Concello orgulloso de si, e esa reivindicación do riquísimo patrimonio en todas as súas dimensións tradúcese nun programa que cada vez se ofrece a máis persoas para que poidan coñecer e descubrir eses tesouros invisibles”. Sanmartín salientou a vontade por dar continuidade a este esforzo ao longo do ano e destacou o incremento do número de prazas dispoñibles nas actividades ofrecidas nesta edición.

César Abella, Natividade González, Goretti Sanmartín e Manuel Rial nun momento da rolda de prensa

 

O programa Patrimonio C abre o luns 9 de setembro coa sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible. Até o sábado 14 este ciclo convida a cidadanía compostelá e as persoas visitantes a coñecer de primeira man edificios e localizacións históricas que constitúen e abeiran boa parte do legado patrimonial de Santiago e que rara vez poden ser visitados. Co gallo de fornecer unha experiencia cultural única para gardar na memoria, deséñanse visitas guiadas e de balde para grupos pequenos e cunha duración aproximada dunha hora que buscan conxugar a calidade do discurso narrativo coa protección dos bens culturais. O mapa inclúe unha ducia de espazos singulares entre os que se contan algúns xa presentes en edicións anteriores, como o Hospital Psiquiátrico de Conxo, o edificio da Facultade de Xeografía e Historia, o cemiterio e a capela do Rosario ou os mananciais de Compostela, alén doutros que centran as visitas nocturnas da Noite do Patrimonio. A eles engádense novos lugares como a fachada e a torre do Tesouro da Catedral, o CSC da Trisca, o Observatorio Ramón María Aller da USC e unha visita secreta. Máis de medio cento de propostas con 702 prazas que incrementan nun 10% as dispoñibles na anterior edición.
Para participar en calquera dos grupos, é preciso realizar inscrición previa a través do formulario de reservas que estará dispoñible o venres 6 de setembro, ás 12 horas en patrimonioinvisible.gal e na web de Compostela Cultura. 
A sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, conta coa colaboración do Servizo Galego de Saúde, o Colexio Maior da Estila, ViaQua, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación e o Cabido da Catedral de Santiago. 

A Noite do Patrimonio 
O Concello de Santiago, que exerce en 2024 a presidencia do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), súmase un ano máis ás conmemoracións da Noite do Patrimonio ao caer do sol o sábado, día 14 de setembro. A axenda de actividades deste evento, que conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), do Instituto da Xuventude e das institucións que integran o GCPHE, promove diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos, visitas guiadas e itinerarios para descubrir cando menos parte dos lugares, das persoas e dos oficios que manteñen viva a riqueza artística e cultural da cidade. 

Tres liñas de actuación, ‘Patrimonio ao Vivo, ‘Patrimonio aberto’ e ‘Patrimonio agora’ estruturan o programa e apostan por diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos, por visitas guiadas e itinerarios para descubrir cando menos parte dos lugares, das persoas e dos oficios que manteñen viva a riqueza artística e cultural da cidade. 
A sección ‘Patrimonio ao Vivo’ abre á cidadanía tres actuacións de balde en espazos singulares. Ás 20.00 horas, o bailador Israel Galván, Premio Nacional de Danza, ofrecerá na Casa das Máquinas o espectáculo de flamenco Solo. Ás 21.00 horas, Adelaida Antúnez presenta o seu novo traballo, Múerdago, no Teatro Principal. E ás 21.30 horas o Coro da Ra arrancará na Zona C da praza de Cervantes un concerto itinerante co que percorrerá distintos espazos do casco histórico.

No marco da liña ‘Patrimonio Aberto’, e a partir das 20.00 horas poderase visitar de balde a exposición Hospitalitas. A Graza do Encontro, , na súa dobre sede de San Martiño Pinario e a Cripta do Pórtico da Gloria. Preto de 170 pezas conforman esta mostra exposición impulsada pola Fundación Las Edades del Hombre e a Fundación Catedral de Santiago.  Ás 21.00 horas abrirán tamén a Casa das Máquinas, a Zona C·(antiga casa do Concello) e a Casa do Cabido, con acceso á exposición Ksado, iconas de Galicia da man dos comisarios  Carlos Castelao e Rubén Martínez Alonso. Tamén dende as 21 horas e até as 23 horas, abrirán ademais o Colexio de Fonseca que acubilla a exposición Arte e oficio en Compostela, o legado Ángel e a igrexa da Universidade, onde se poderá visitar a mostra Instrumentos de visión, de Armin Linke. Promovida co gallo do 25º aniversario do IGFAE [Instituto Galego de Física de Altas Enerxías] e os 70 anos da fundación da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN, nas súas siglas en inglés),e comisariada por Mónica Bello, responsable de Arts at CERN, a mostra reúne fotografías do artista realizadas, nas últimas décadas, durante as súas visitas a grandes instalacións experimentais.En paralelo, o paseo Compostela Nocturna ofrecerá a partir das 21.00 horas  e con saída dende a Casa das Máquinas tres percorridos guiados cunha duración aproximada dunha hora para afondar na relación entre Santiago e a noite, unha proposta que axiña esgotou todas as localidades dispoñibles. Ás 21.30 horas arrancará ademais un itinerario fotográfico da man do artista compostelán Manuel Blanco para descubrir espazos e lugares cun atractivo especial e aprender a fotografalos de noite coas cámaras dos dispositivos móbiles. A participación neste caso é libre sen necesidade de reserva e o punto de encontro será a praza de Cervantes.

No marco da liña ‘Patrimonio Agora’ noite de portas abertas esténdese a outros espazos creativos que traballan diariamente na creación e reivindicación dun patrimonio vivo e en constante crecemento. A galería Patio de Luz, abre ao público o seu xardín interior, onde terá lugar unha  intervención luminosa e sonora de LIBREDÓN con composiciónsimprovisadas e vinculadas á exposición colectiva Palestina Existe e Persiste, das artistas Raquel Álvarez, María Xosé Domínguez e Elena Fernández Prada. A ourivaría de Susi Gesto abre tamén as súas portas para que o público poida coñecer as técnicas empregadas pola artista no seu traballo ademais de participar na creación dunha peza colectiva que ten por motivo a regueifa. O Gabinete, espazo de encontro e creación do barrio de Sar amosará algúns dos traballos nel realizados arredor da memoria colectiva e do patrimonio.  O espazo de arte de María Eirasm, Mareiras Art, participa tamén nesta nova edición da Noite do Patrimonio, abrindoas súas portas e promovendo unha conversa artística directa coa súa creadora. E o artista Pablo Barreiro abre á cidadanía as portas de Copia Cerámica para as visitantes que poidan asistir ao vivo ao seu traballo de creación .

Máis Patrimonio C
O ciclo Patrimonio C estende as súas propostas até final de ano con novos itinerarios arredor do patrimonio material e inmaterial compostelán que se irán anunciando nas próximas semanas. A información ao detalle das actividades ao seu abeiro así como as formas de participación e acceso estará dispoñible na web e redes de Compostela Cultura.
 

MÁIS INFORMACIÓN