O festival Alguén que respira! leva a poesía a todos os recunchos do Teatro Principal

A última xornada do festival arranca cun café faladoiro entre Arturo Casas e Carlos Lema no ambigú
Unha nova sesión de ‘Atravesei a cerca’ percorrerá os distintos espazos do teatro da man de Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado e Isa Cuena
María Sánchez e José González protagonizan a última sesión de ‘O que mutuo somos’
Helena Salgueiro, Miriam Reyes, El Pricto, Ilona Schneider, Vasco Trilla e Flow do Toxo despiden esta edición do festival cunha celebración da 'Poesía sen etiquetas'

O sábado 22 de marzo, o festival Alguén que respira! converterá o Teatro Principal nun espazo de encontro para a poesía en todas as súas formas. Faladoiros, recitais e propostas escénicas innovadoras que se espallan por todo o Teatro para facer vibrar o público cunha mestura de tradición e vangarda.

Un café para pensar a poesía

A xornada comezará ás 12.00 h no ambigú do Teatro Principal cun café-faladoiro titulado Metapoesía e autorreferencia, no que os escritores e ensaístas Arturo Casas e Carlos Lema explorarán os efectos e posibilidades da poesía que fala de si propia. Unha oportunidade única para afondar neste volcán creativo que leva un século alimentando a literatura.

A poesía expándese polo teatro

Pola tarde, ás 17.30 h, volve unha das seccións máis agardadas de todas as edicións. En Atravesei a cerca, o festival ofrece un percorrido singular polo Teatro Principal ao son da palabra de Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado e Isa Cuena. O público terá acceso a espazos normalmente restrinxidos, descubrindo os recunchos que agocha este edificio construído a mediados do século XIX, ao tempo que escoita os poderosos poemas destas catro voces de marcada personalidade.

A vida e a poesía, baixo o mesmo teito

Ás 19.00 h, María Sánchez e José González serán os protagonistas de O que mutuos somos, unha sesión dedicada á convivencia entre poesía e vida. O diálogo xirará arredor da súa experiencia compartida nunha aldea do Saviñao, onde a creación poética se entrelaza coa militancia coa natureza.

Poesía sen etiquetas para pechar o festival

O fin de festa deste VIII Festival de Poesía para Corpo Principal arrancará 20.30 h co recital Poesía sen etiquetas  un espectáculo híbrido no que a palabra falada, a música e a performance se dan a man para borrar as fronteiras entre xéneros e as distancias entre o popular e o culto, entre o poema e a fala. Abre a noite Helena Salgueiro coa posta en escena de Amor Beckettiana, un re-enactment a partir do seu poemario Amor palimpsesta. Inspirándose na escenificación de Not I de Samuel Beckett, Salgueiro presenta unha proposta de poema escénico e cinema en directo, onde a voz da performer se desconfigura e fragmenta nun fluír de consciencia, e onde o poemario se expande nun devir de nunca acabar.  A seguir, Miriam Reyes únese con El Pricto, Ilona Schneider e Vasco Trilla para presentar Con en concerto, unha fusión de poesía e improvisación musical. Con, título tamén do último poemario de Reyes, é unha proposta na que se pensa a complexidade das relacións emocionais e o seu impacto na nosa identidade. Motivada polo afán de multiplicar o terreo do posible, a poeta colabora con tres dos máis recoñecidos músicos de improvisación libre do underground barcelonés para achegar as súas linguaxes ao escenario. A peza musical que presentan en Alguén que respira! toma elementos da composición homónima de El Pricto e reformúlaa nesta nova creación. Finalmente a forza reivindicativa de Flow do Toxo tomará o escenario do Principal. Este grupo de rapeiras feministas que conforman Laura, St, Temible Olivina e Xia Nonneva presenta Aquí están as que gritan, un espectáculo de formato anovador que serve de peche excepcional a este evento que consolida o festival como un espazo de diálogo e expresión sen censuras.

Con esta programación, Alguén que respira! reafírmase como un evento esencial para amantes da poesía e da experimentación artística. 

Entradas 

Todas as actividades do festival son de balde. As sesións matinais no ambigú son de acceso libre até completar capacidade. Para o resto de sesións é preciso retirar convites na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) ou no despacho de billetes do Teatro Principal.