

A compañía teatral compostelá representa na Casa das Máquinas ‘Bulevar Papagaio’ unha creación teatral a partir dos poemas e fotografías cos que Luísa Villalta e Maribel Longueira retrataron a desaparición do barrio coruñés
Lorena Conde asina o texto e a dramaturxia desta peza e forma tamén parte do elenco de intérpretes que conforman Inés Salvado, Bea Romero e Gustavo Freire
O espectáculo conta con dous pases en Compostela, o sábado 22 e o domingo 23, que irán precedidos dun itinerario polos arredores da Casa das Máquinas para profundar na historia barrio
Os días 22 e 23 de marzo, a compañía teatral A Feroz representará na Casa das Máquinas Bulevar Papagaio, un espectáculo que revisa a historia deste barrio obreiro da Coruña a partir do poemario que sobre el escribiu Luísa Villalta e as fotografías coas que o retratou Maribel Longueira. As localidades para os dous pases desta peza que forma parte do foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura están xa esgotadas.
A escritora, directora e dramaturga Lorena Conde é a responsable dun texto que parte dese encontro entre Villalta e Longueira para recuperar a memoria das mulleres e homes que poboaban o coñecido como “barrio das putas” da cidade herculina, unha contorna atravesada pola da explotación sexual, o comercio dos corpos e a especulación urbanística. Cartos, poder e sexo, como vetas medulares do patriarcado, viran en elementos centrais dun proxecto escénico que, dende a ironía e a mordacidade, promove unha fonda reflexión sobre a usurpación dos barrios populares das cidades e sobre a violencia cara ás mulleres.
Inés Salvado, Lorena Conde, Gustavo Freire e Bea Romero prestan corpo e voz ás historias deste espectáculo que conta con dirección, produción e vestiario d’A Feroz, con espazo sonoro de Manuel Albraldes, escenografía e iluminación de Nononlab e distribución de Lilian Portela- Amarelo.
Un paseo por outra historia de Compostela
Arredor desta obra, que convida o público a pousar a mirada nesoutros barrios que fican fóra das estampas turísticas, técese o roteiro 'A carón de Bulevar Papagaio', un itinerario previo á representación que explora os arredores da Casa das Máquinas, para redescubrir a historia e o desenvolvemento da súa contorna.
O percorrido, guiado polas historiadoras Natalia Pérez Barrio e Mavi Lezcano, arrancará o sábado e o domingo ás 19 horas da que fora a Fábrica da luz para transitar pola rúa das Galeras, O Pombal, Campo das Hortas e lugares como o Cruceiro do Gaio, Poza de Bar ou Rúa das Oblatas co obxectivo de descubrir ou revisitar os espazos deste barrio con características ben próximas ao Papagaio coruñés. O paseo permitirá ás asistentes afondar unha parte importante da historia de Compostela e reflexionar sobre a súa transformación e sobre a maneira que estes espazos inflúen na vida das perdoas que os habitan.
As prazas para o itinerario do domingo xa están esgotadas, pero aínda hai algunhas dispoñibles para o roteiro do sábado, que é de balde previa inscrición no formulario dispoñible en compostelacultura.gal