

Oliver Laxe, Kangding Ray e Adrián Canoura ofrecerán un live AV conxunto o venres 4 de xullo na praza da Quintana
Martin Messier, Amelie Duchow, Neutro Gris, nodoaviom, Carme López e Irene Sáenz estarán en Santiago de Compostela
As actuacións terán lugar no Teatro Principal, na praza da Quintana, na praza de Praterías e no parque da Alameda entre o 1 e o 6 de xullo
O cineasta Oliver Laxe, o músico francés David Letellier, máis coñecido como Kangding Ray, e o canadense Martin Messier encabezan este ano o cartel de espectáculos AV do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto. As súas actuacións serán un dos pratos fortes dunha programación marcada pola experimentación, a hibridación de linguaxes e a presenza de grandes nomes da vangarda internacional.
Na súa vixésimo segunda edición, o festival presenta un programa con nomes relevantes da escena contemporánea como Martín Messier (Canadá), Amelie Duchow (Alemaña), Neutro Gris e nodoaviom (Valencia) e Carme López e Irene Sáenz (Galicia).
As actuacións desenvolveranse entre o 1 e o 6 de xullo tanto nas sedes exteriores do festival, como a praza da Quintana, a praza de Praterías e o parque da Alameda, que tamén acollerá espectáculos AVs e no Teatro Principal.
Kangding Ray, quen acaba de gañar o Cannes Soundtrack –premio á mellor banda sonora no Festival de Cannes– por Sirāt, e o cineasta Oliver Laxe ofrecerán un espectáculo audiovisual en directo que, partindo da música do filme, fará un percorrido inmersivo e sensorial polo deserto a partir de imaxes non empregadas na montaxe da película. Esta actuación exclusiva e concibida conxuntamente coa dirección artística do festival, levará por título Sirāt Live Soundtrack AV e contará tamén coa participación do cineasta burelés Adrián Canoura (Baiuca, Blanco Palamera), que colaborará con Laxe no deseño visual do directo. O AV de Kangding Ray e Oliver Laxe terá lugar o venres 4 de xullo na praza da Quintana, un espectáculo aberto ao público e gratuíto. Ademais, ambos artistas ofrecerán unha charla no Teatro Principal sobre o proceso de creación da banda sonora de Sirāt coa intención de afondar nunha das principais liñas de programación de Curtocircuíto: a converxencia entre arte sonoro e imaxe.
Oliver Laxe e Kanding Ray tomarán parte na 22ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto (Foto: Tamara de la Fuente)
A escena galega estará tamén representada pola investigadora e intérprete Carme López, que se xuntará coa artista ferrolá Irene Sáenz noutra colaboración proposta polo festival. O espectáculo consistirá nun concerto no que López experimenta co son da gaita para levala do folk ao minimalismo drone. Esta proposta estará tinguida polas luces líquidas e as capas de texturas proxectadas por Sáenz no seu xogo con diferentes fluídos e tintas.
A artista alemá Amelie Duchow, integrante da rede Female Pressure, presentará o seu proxecto LOGOS MATER, unha obra que parte dunha reflexión sobre a lingua como forma sonora universal, alén do significado das palabras. Duchow emprega gravacións de voces en linguas maternas de persoas de todo o mundo para construír unha composición en constante evolución que transcende fronteiras culturais e xeográficas.
O canadense Martin Messier, recoñecido polos seus espectáculos onde converxen tecnoloxía e elementos naturais (auga, fume, electricidade...), volve a Curtocircuíto para presentar en Santiago a súa performance 1 drop 1000 years, unha peza que explora o equilibrio planetario a través das correntes de auga e a súa resonancia íntima nos corpos.
Neutro Gris, produtor que traballa entre a delicadeza harmónica e a agresividade dixital e nodoaviom, creativo que busca novas formas de transcender os formatos e narrativas clásicas presentan un live que explora o paso do tempo a través de imaxes de arquivo. Temáticas como a violencia, a inocencia e o amor contrapóñense dentro dun marco core e post internet.
DJ sets
A programación de AVs completarase con sesións de club as noites do venres e sábado. O cartel está composto por catro artistas que comparten raíces na escena underground da electrónica galega: Bold G, Amiga, You_el, de Dial Electrónico, e Russ, que asina a banda sonora de tres filmes da sección Supernova, evidencia do diálogo constante entre cinema e música que Curtocircuíto promove. Estes dj sets traerán club deconstruído, techno experimental, jungle ou soft funk tras as proxeccións e as diferentes actividades.