

O último traballo de Lois Patiño, protagonizado por Irene Escolar e Agustina Muñoz, poderase ver por primeira vez en España en Curtocircuíto
O festival, que se desenvolverá entre o 1 e o 6 de xullo en espazos públicos de Santiago de Compostela, presenta a súa nova imaxe
Planeta GZ e Supernova amosan a diversidade e a forza creativa do novísimo cinema galego a través de 21 propostas
A sección Terra estará dedicada ao cineasta Adrián Canoura
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), inaugurarase o próximo 1 de xullo co último traballo de Lois Patiño, Ariel.
O filme, protagonizado por Irene Escolar, Agustina Muñoz e actores da compañía de teatro Voadora, Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz, terá a súa estrea estatal en Santiago e será o pistoletazo de saída do novo modelo do festival, que celebra a súa vixésimo segunda edición entre o 1 e o 6 de xullo cun cambio de estrutura que sae ás rúas para xerar espazos de debate e intercambio.
Fotograma do filme Ariel, de Lois Patiño
Ariel é o último traballo do galego Lois Patiño, cineasta que mantén un estreito vínculo con Curtocircuíto, festival no que participou en diversas edicións. A inauguración do festival coa presentación de Ariel en Santiago suporá a estrea en España do filme, que vén avalado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartaxena de Indias ou BAFICI en Bos Aires e se presenta como unha das películas galegas do ano. A estrea de Ariel en Curtocircuíto mantén a aposta do festival por acoller os grandes títulos da creación galega contemporánea, como fixo noutras edicións con filmes como O Corno, O que arde ou Lúa vermella.
A película explora a obra La Tempestad de Shakespeare a través dunha viaxe da actriz Agustina Muñoz polas illas Azores. Ariel é unha reflexión sobre o concepto de liberdade desde o medo, a aventura e a dúbida.
A creación galega en Planeta GZ
Planeta GZ reafirma a súa vocación como espazo de encontro co cinema galego máis innovador e diverso. Este ano ofrece unha selección de once filmes que, a través de linguaxes variadas, explorarán as relacións entre territorio, memoria, corpo e percepción.
Esta edición propón un percorrido íntimo e ao tempo expansivo, dende o eco mitolóxico e o murmurio das plantas en Un dragón de cien cabezas ata difusión do patrimonio natural de Alboroque, curta que terá a súa estrea estatal en Curtocircuíto.
Tamén será a estrea en España de Santa Clara. Nascimento em três fases, título que habita os espazos do tempo e a arquitectura, mentres Nayán converte o ensaio documental nun catalizador da memoria íntima. Furada Negra e Abellón convidan a escoitar o que queda máis aló do audible e do visible, conectando coa memoria e o misterio do territorio e das relacións humanas.
A diversidade tamén se expresa na mirada comprometida e feminina de Delincuente, e Feeling Away. Boca de Asno mergúllanos nunha surrealista epopea, mentres Non Sinto A Forma indaga na perda a través dos recordos. The Unbearing, pola súa banda, é unha distopía que propón unha visión perturbadora sobre os vínculos familiares e os mecanismos do coidado.
Cinema emerxente en Supernova
Supernova descobre os traballos dos creadores máis emerxentes do circuíto galego. Este ano, selecciona 10 títulos de diferentes estilos e formatos. Desde a exploración de lendas e santuarios en O Corpiño ou os corpos e o xénero en Pupa ata as relacións en Áncora. Pezas como Aquel ruido nocturno, O costume do traballo e Home que foxe exploran conflitos humanos e sociais con olladas persoais e directas. Tamén hai humor camp e trash con Delirium Sketchs, viaxes insólitas con Senda Estrela, reflexións sobre a sexualidade con El que no se agache e sobre os espazos colectivos en Cristal.
Sección Terra dedicada a Adrián Canoura: Para que queres un barco se non sabes nadar
A sesión especial Terra está dedicada este ano ao cineasta e artista visual Adrián Canoura. Adrián, é recoñecido pola súa capacidade para reimaxinar a identidade cultural galega e pola súa busca constante de novos horizontes estéticos. A súa obra sitúase nun espazo único entre o cinema, a arte e o ensaio audiovisual, consolidándoo como unha das voces máis frescas e orixinais do panorama actual. A súa obra destaca pola súa fusión entre o analóxico e o dixital, o cotián e o onírico. Tamén colabora estreitamente coa música, realizando videoclips e proxectos audiovisuais para bandas como Baiuca, Blanco Palmera… Na sesión Terra realizará unha charla-percorrido visual dende a súa primeira participación en Curtocircuíto –co seu filme iniciático Nistra– ate Fomos ficando sós, última longametraxe na que navega co seu pai a bordo do barco pesqueiro familiar.
Un novo modelo de festival
O novo modelo de festival combinará a súa programación nas sedes habituais coa presenza no espazo público de Compostela. Manteranse as sedes como o Teatro Principal e NUMAX, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e a Facultade de Psicoloxía e recuperaranse sedes clásicas como a praza de Quintana, a praza de Praterías, o parque da Alameda e as rúas da cidade.
A intención coa nova estructura é devolver o espazo público á cidadanía e ofrecer alternativas á imaxe máis turística da capital galega. As proxeccións das seccións e as sesións de AVs combinaranse entre o Teatro Principal e as prazas. Tamén no exterior haberá coloquios e mesas redondas á parte de actividades en formatos non convencionais que se desenvolverán en outros espazos exteriores de Santiago.
O acceso ás actividades que se realicen non exterior será gratuíto. As entradas para as sesións individuais de proxeccións no Teatro Principal e NUMAX terán un prezo de 4€.