

Curtocircuíto Campus, centrado na formación, acolle actividades ata o día 13 de maio destinadas a estudantado e profesionais
O festival progama as seccións Teenage Riot, Criaturas, Satélite FÄCOM, a Cátedra Cruz Vermella - USC e a Residencia Artística
Recupérase a sección Canteiras en colaboración con Sergio Clavero
Este luns inaugurouse Curtocircuíto Campus, a primeira fase do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), centrado na alfabetización audiovisual, a creación de novos públicos e a formación en xeral.
Entre o 5 e o 13 de maio desenvólvense en Santiago de Compostela actividades dedicadas a estudantes e profesorado. Cada edición, máis de 2.000 estudantes participan nesta proposta que reforza o espírito fundacional do evento.
A programación, dirixida a público infantil, escolar, universitario e profesional, está dividida nas seccións Teenage Riot e Criaturas, que teñen lugar no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia en sesións matinais.
Entrada á sección Criaturas do Curtocircuíto Campus [Foto: Aigi Boga]
En Criaturas, proxectaranse pezas especialmente pensadas para o público máis novo, como Yacht de Pablo Anasse, Loane Baumer, Marine Bouvier, Marie Malaval, Maxence Mouttou e Florence Susanna; Nabu de Joanna Rusinek; Eureka de Kris Borghs; e A sammal graden by the window de Lee Jong Hoon. Pola súa banda, Teenage Riot achegará ao público adolescente e xuvenil títulos como Nens de Anna Martí Domingo, Por qué volvías cada verano de Juli Suárez e Solo Ki de Javier Prieto e Diego Herrero.
Entre o martes 6 e o xoves 8 terá lugar Satélite FÄCOM, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación e o Club de Cinema FACOM da USC. Por terceiro ano, o festival propón sesións de diverso formato para achegar á comunidade universitaria o cinema independente máis innovador. Ademais dunha escolma representativa do mellor que pasou por Curto nestes anos, Curtocircuíto ofrecerá unha selección de filmes da norteamericana Jennifer Reeder –un dos nomes habituais do certame– e un encontro con Emilio Fonseca, director de Salvaxe, salvaxe (2024), ensaio fílmico que acadou o premio ao mellor documental na edición 2024 do Festival de Cine de Málaga.
Como na anterior edición, o festival acolle de novo a programación da Cátedra Cruz Vermella–USC, unha iniciativa centrada en abordar o envellecemento e que este ano o fai desde unha perspectiva positiva, vencellando cinema, divulgación científica e reflexión social. As actividades terán lugar o luns 12 e o martes 13 de maio ás 17.00 h no Auditorio da Facultade de Psicoloxía da USC, e están dirixidas tanto ao público universitario como ao público xeral interesado nesta temática.
O luns 12, a sesión será presentada por Arturo Pereiro e o director de produción de Curtocircuíto, José Díaz, e incluirá a proxección das curtas Luisa no está en casa (Celia Rico, 2012), Los desheredados (Laura Ferrés, 2017) e Ser e Voltar (Xacio Baño, 2014). Ao remate, celebrarase un encontro co cineasta Xacio Baño, autor desta última, e cun convidado que forma parte do equipo da Cátedra.
O martes 13, Arturo Pereiro e José Díaz darán inicio á sesión, que continuará coa exhibición das obras Cruz Piñón (Xisela Franco, 2015), Mrs Holocaust (Michalina Musielak, 2016) e It's Consuelo (Eva Min, 2024). O posterior coloquio estará dirixido por María José Sampedro, decana da Facultade de Psicoloxía da USC, e contará coa participación de José Díaz e Jesús Silva, programador e crítico cinematográfico.
Residencia fotográfica, outra mirada de Santiago
De novo Curtocircuíto levará a cabo a Residencia fotográfica, que conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e Cafés Candelas, e que, a través da fotografía, reivindica unha imaxe de Santiago de Compostela que contraste coas representacións tradicionais da cidade. O fotógrafo compostelán Jesús Madriñán será o artista residente en 2025. Coñecido polo seu uso da fotografía analóxica de gran formato, Madriñán explora os límites do retrato tradicional a través de series como Good Night London, Boas noites, Dopo Roma ou I Am Light, nas que combina técnicas minuciosas con contextos espontáneos, dando lugar a un retrato xeracional atravesado por valores como a xuventude, a diversidade e a tolerancia.
A súa traxectoria inclúe exposicións individuais en espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centre del Carme Cultura Contemporània de Valencia ou PhotoEspaña, e presenza en feiras e festivais internacionais como Paris Photo, Photo London, ARCO ou os International Photography Awards de Nova York.
Curtocircuíto prepara tamén unha exposición e un libro colectivo que recollerán o traballo dos artistas que pasaron pola residencia en edicións anteriores, como Rocío Madrid ou Yosi.
Ademais, nesta nova edición recuperarase a Sección Canteiras, que pon en valor a alfabetización audiovisual e promoción de prácticas que capacitan o estudantado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión en torno á linguaxe visual e que se desenvolverán en colaboración con Sergio Clavero, que desde Aturuxo Films, é un referente do audiovisual nas aulas.
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra a súa vixésimo segunda edición cunha renovación de modelo e un adianto de datas. A segunda fase do certame, a semana oficial, celebrarase entre o 1 e o 6 de xullo e volve ás rúas, coa proposta de xerar espazos de intercambio entre a cidadanía e os artistas nos que compartan e reflexionen sobre o seu traballo.