

O Teatro Principal acolleu este venres a gala de inauguración da 39ª edición de Cineuropa, un acto conducido pola actriz Susana Sampedro que contou coas intervencións do director do festival, José Luis Losa, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a alcadesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei.
A inauguración da trixésimo novena edición de Cineuropa ateigou este venres 7 de novembro o patio de butacas do Teatro Principal e puxo en marcha 17 días de proxeccións e actividades paralelas que fían olllas ao amor, ao cinema e ao público.
O acto, conducido pola actriz Susana Sampedro, contou coas intervencións do director do festival, José Luis Losa, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a alcadesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, e coa presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, do xerente do Consorcio da Cidade de Santiago, José Antonio Domínguez Varela e de representantes da corporación municipal e das entidades que colaboran no certame.
O 39 Cineuropa busca ser un espazo onde celebrar o cinema como espazo de encontro, de reflexión e de liberdade. A dicir de José Luis Losa, "o cinema sensible, que é o verdadeiramente relevante, axúdanos a comprender e compartir esa fraxilidade común. Esta é a esencia de Cineuropa: un cinema que nos fai mellores e que nos convida a sentir e a gozar xuntos. E así sentirnos mais acompañados e fortalecidos neste mundo que nos envía desde as pantallas mensaxes do que nel está a suceder"
A deputada provincial de Cultura, Natividade González, apuntou cara á potencialidade reflexiva da sétima arte: "o cinema é unha linguaxe que nos axuda a comprender o mundo, a poñernos no lugar doutras personas e, sobre todo, a mirar con ollos distintos a todo o que nos rodea. E Cineuropa representa a perfección esa idea: a cultura como experiencia compartida, como motor que enriquece a cidade e que proxecta o mundo".
A alcaldesa insistiu na dimensión social e política desta trixésimo novena edición do festival, que lanza unha mensaxe contra a uniformidade, a indiferenza e o mito do amor romántico. A dicir de Goretti Sanmartín, “novembro é un mes no que, ademais de Cineuropa, temos un tema central: a denuncia e a erradicación da violencia contra as mulleres. Por iso tamén bo que se xunten amor e política e que en tempos de tantas maneiras de non facer, de non tratarnos ben, de non coidarnos e non ter en conta as sensibilidades, esta experiencia nos sirva para que nos abramos un pouco ao diálogo, ao encontro e a respectar as persoas diversas nas súas maneiras de ser, de vivir, de amar. Cineuropa é a xente, as persoas, o colectivo".
Tras o acto, tivo lugar a proxección do filme The President’s Cake (A torta do presidente), ópera prima do cineasta iraquí Hasan Hadi, gañadora da Cámara de Ouro e do Premio do Público na Quincena de Cineastas do Festival de Cannes 2025.
Ambientada no Iraq dos anos 90, The President’s Cake narra a odisea de Lamia, unha nena de nove anos que emprende unha arriscada misión para conseguir os ingredientes necesarios coa fin de preparar a obrigatoria torta de aniversario do presidente Sadam Husein. Acompañada do seu galo Hindi, Lamia deberá enfrontarse á escaseza, ao medo e á absurda burocracia dun sistema opresivo. O filme, coproducido entre Iraq, Estados Unidos e Qatar, combina lirismo e denuncia para ofrecer un retrato tan íntimo como universal da resistencia en tempos de totalitarismo.
O filme deu o pistoletazo de saída a 17 días de programación nos que o festival proxectará máis de 140 títulos, alén de promover numerosas actividades paralelas.