Jaione Camborda, Premio Cineuropa 2025

Cineuropa distinguiu co seu máximo galardón a traxectoria desta cineasta veciña de Compostela, autora de filmes como Arima ou O Corno

A gala de entrega do premio incluíu a proxección da primeira longametraxe de Camborda

A cineasta Jaione Camborda recibiu este venres o Premio Cineuropa de mans da alcaldesa da cidade, nun acto que contou tamén coa intervención do director do festival, José Luis Losa e coa presenza da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e de representantes da corporación municipal e de entidades colaboradoras.

José Luis Losa destacou a naturalidade e fisicidade orgánica do cinema de Camborda, o seu carácter telúrico e a súa ollada profunda universal: "o seu cinema non hai soidade senón, moi ao contrario, unha idea compartida de pertenza"

Goretti Sanmartín referiuse a Jaione como "unha de nós, criada tamén nas nosas ansias e devezos,  na nosa vontade e orgullo de narrar colectivamente e de facelo en lingua galega", e continuou "Jaione crea nos seus filmes unha fiestra para nos ver, para recoñecermos unha Galiza libre de tópicos, e desprovista tamén das idealizacións e romantizacións da paisaxe e do país".

Tras percorrer o patio de butacas entre a aplausos, e xa co premio nas mans, Camborda agradeceu a distinción dun certame que "sempre sentín como unha sorte e unha gran fortuna" e compartiu co público a súa especial conexión con Compostela:  "Cando cheguei a Galicia, namorei desta cidade. A xente preguntábame 'Onde vas? Facer cinema na periferia?'. Hoxe podo dicir que fixen cinema no epicentro"

A cineasta puxo tamén en valor o carácter colectivo de Cineuropa: " festivais coma este son patrimonio da sociedade e fan que unha cidade como Santiago, asfixiada por un turismo voraz, sexa un lugar máis fértil e vigoroso. Poñen os seus habitantes no centro e xeran un espazo para crecer, compartir e soñar, futuros posibles e mellores".

O festival distingue así co seu maior galardón unha creadora que, en poucos anos, se consolidou como unha das voces máis persoais e reveladoras do cinema español contemporáneo. A súa traxectoria combina a exploración sensorial coa procura de identidade e unha relación fonda co territorio.

Jaione Camborda, a forza do corpo e da emoción 

Tras unha etapa como directora de arte e coguionista en títulos como Os fenómenos e Ons, debutou na longametraxe con Arima (2019), un exercicio de estilo que xa amosaba a súa sensibilidade estética e a súa aposta por un cinema do corpo e da materia. En 2023, con O corno, converteuse na primeira directora española en gañar a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián, un fito que consolidou a súa voz e a situou na vangarda do cinema europeo.

O cinema de Camborda destaca pola súa poética física e emocional: unha cámara que observa de preto o xesto, o silencio e a pel; unha narrativa que fai do feminino, da sororidade e da liberdade os seus eixos principais. O seu éxito simboliza tamén o impulso dunha nova xeración de creadoras que entenden o cinema como espazo de resistencia, de tenrura e de verdade.

O Premio Cineuropa Jaione Camborda recoñece, así, unha traxectoria que une a raíz e a modernidade, o íntimo e o colectivo, a terra e o corpo. Un cinema que non berra, pero ecoa; que non impón, pero transforma.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.