A danza contemporánea toma o Teatro Principal con dúas propostas sobre o tempo e o rito

‘On Time’, da Fritsch Company, e ‘Quiso negro’, de Ester Guntín, levan ao escenario dúas olladas complementarias sobre o corpo, a memoria e a transformación
Ambos os espectáculos contan co apoio do programa Danza a Escena do INAEM
As entradas (10 € con descontos dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e o día de cada evento no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes de cada función

 

A danza contemporánea protagoniza a programación desta semana no Teatro Principal con dúas propostas que exploran os límites do corpo e da experiencia humana desde linguaxes escénicas diversas.

O xoves 9 de abril, ás 20.30 horas, a Fritsch Company, a compañía profesional da Fundación Psico Ballet Maite León, presenta On Time, unha experiencia de danza inclusiva que reflexiona sobre o paso do tempo a través do movemento. Gabriela Martín dirixe este proxecto no que dialogan tres pezas independentes de danza, creadas por Amaya Galeote, María Cabeza de Vaca e Maite Gámez e que reúne intérpretes con e sen discapacidade nunha proposta que reivindica a diversidade como motor creativo. No escenario, Maite Gámez, Adrián Sáez, Esther Gómez, Julen Serrano, Ana María Alonso e Germán Morales, danzan ao son da música orixinal de Marc Álvarez e Fran MM. Cabeza de Vaca. 

A función incorpora medidas de accesibilidade para facilitar a experiencia de todo o público, con programa de man en lectura fácil, audioguías e audiodescrición, sobretitulado e un paseo escénico previo que terá lugar ás 19.30 h. Ademais, ao remate do espectáculo celebrarase un coloquio co público.
 

Escena de On Time, da Fritsch Company.

Ao día seguinte, o venres 10 de abril, tamén ás 20.30 horas, será a quenda de Quiso negro, de Ester Guntín, unha peza que se achega á idea da morte desde o rito e a catarse. Inspirada no tarantismo do sur de Italia, a proposta combina música, repetición e esgotamento físico nunha viaxe escénica que conecta tradición e contemporaneidade. A peza conta coa idea e dirección de Ester Guntín, quen asina tamén a coreografía en colaboración cos intérpretes Marina Capel, Anna Climent, Marti Forcada, Glòria Garcia, Héctor Puigdomènech e Isaac Verdura. O deseño de iluminación corre a cargo de Andreu Fàbregas e Isabel Ruiz del Moral, mentres que a composición musical está asinada por Nil Ciuró e Uge Pañeda. A escenografía é de Pol Roig e a dramaturxia de Paula Errando. Completan o equipo Aida Mayoral como asistente de dirección e Héctor Puigdomènech como asistente de coreografía, coa produción de Muntsa Roca e Lilabrick, a ollada externa de Roberto Fratini, Lipi Hernández e Quim Palmada e a distribución a cargo de Magrana Escena.

Escena de Quiso Negro. De Ester Guntín

As entradas para ambos os espectáculos (10€, con descontos dispoñibles para diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e o día de cada evento no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes da función. 

On Time e Quiso Negro contan co apoio do programa Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música e intégranse na temporada de Artes Escénicas que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura.