A danza contemporánea dialoga coa tradición en ‘Transeúnte’, de Daniel Rodríguez

Enmarcado nos Foco NeoTrad e Escenas do Presente de Compostela Cultura, o espectáculo preséntase este domingo ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia 
Con dirección e coreografía de Daniel Rodríguez, texto de Sara Faro e produción musical de Javier Carreño, Acacia Ojea e Berto, a peza conta coa  música en vivo de Aida Tarrío e Artur Puga
As entradas (10 € con descontos do 50% dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e xa o propio domingo no despacho de billetes do Auditorio de Galicia 
 

 compañía Daniel Rodríguez trae Santiago Transeúnte, unha peza de danza contemporánea que pon o foco na relación entre as novas xeracións e a tradición, nun contexto marcado pola globalización e a tecnoloxía. O espectáculo, enmarcado nos Focos NeoTrad e Escenas do Presente da programación de artes escénicas de Compostela Cultura, presentarase na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia este domingo, 19 de abril, ás 20.30 horas.  

Partindo do propio significado do termo “transeúnte” —estar de paso, habitar o transitorio—, a proposta constrúe unha reflexión escénica arredor da dualidade entre o permanente e o efémero. A través do movemento, a música e a palabra, o espectáculo revisa como os corpos contemporáneos dialogan co folclore e coa herdanza cultural, activando unha memoria que permanece viva mesmo nos contextos máis cambiantes.

Dirixido e coreografado por Daniel Rodríguez, Transeúnte conta cun elenco integrado por Andrea Pérez, Laura García, Abián Hernández e o propio Rodríguez, nunha proposta coral que combina linguaxes e sensibilidades. A música, producida por Javier Carreño, Acacia Ojea e  Berto e interpretada en directo por Aida Tarrío e Artur Puga, convértese nun elemento central da escena, reforzando o carácter orgánico e sensorial do espectáculo.

Sara Faro é a responsable do texto desta montaxe que aposta pola hibridación e pola exploración identitaria, mentres que o deseño de iluminación de Mauricio Pérez, o vestiario de Sheila Pérez e o traballo técnico de Alfonso Esky completan unha proposta escénica coidada e contemporánea.

Transeúnte propón así unha viaxe que honra o pasado, habita o presente e se abre ao futuro, celebrando a diversidade cultural e a conexión entre as persoas a través da danza e da música. Unha invitación a repensar a tradición desde o movemento e a emoción compartida.

As entradas (10 € con descontos do 50% dispoñibles para diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e xa o propio domingo no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. 

O espectáculo está integrado no circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).