Compostela festexa a Noite do Patrimonio con danza, música, visitas a monumentos, exposicións e obradoiros de arte

O Concello de Santiago súmase este sábado, 14 de setembro, ás conmemoracións da Noite do Patrimonio cunha vintena de actividades de balde
A visita a exposición ‘Hospitalitas. O Graza do Encontro’ en San Martiño Pinario e a Cripta do Pórtico da Gloria, e o concerto de Adelaida Antúnez no Teatro Principal son as últimas novidades do programa

O Concello de Santiago programa este sábado, día 14 de setembro, numerosas actividades para difundir e pór en valor a riqueza patrimonial material e inmaterial da cidade. Espectáculos de música e danza, itinerarios guiados e paseos fotográficos espallan pola cidade numerosas propostas que se completan coas visitas a diferentes exposicións e coa apertura de portas a obradoiros, espazos de arte e monumentos históricos de Compostela. Con estas iniciativas, Santiago súmanse un ano máis ás conmemoracións da Noite do Patrimonio en colaboración co Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), co Instituto da Xuventude, coas institucións que integran o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), coa Deputación da Coruña e con outras moitas entidades e particulares que fan posible a proposta.

Tres liñas de actuación, ‘Patrimonio ao Vivo, ‘Patrimonio aberto’ e ‘Patrimonio agora’ estruturan o programa e apostan por diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos, por visitas guiadas e itinerarios para descubrir cando menos parte dos lugares, das persoas e dos oficios que manteñen viva a riqueza artística e cultural da cidade. 
A sección ‘Patrimonio ao Vivo’ abre á cidadanía tres actuacións de balde en espazos singulares. Ás 20.00 horas, o bailador Israel Galván, Premio Nacional de Danza, ofrecerá na Casa das Máquinas o espectáculo de flamenco Solo. Ás 21.00 horas, Adelaida Antúnez presenta o seu novo traballo, Múerdago, no Teatro Principal. E ás 21.30 horas o Coro da Ra arrancará na Zona C da praza de Cervantes un concerto itinerante co que percorrerá distintos espazos do casco histórico.

No marco da liña ‘Patrimonio Aberto’, e a partir das 20.00 horas poderase visitar de balde a exposición Hospitalitas. A Graza do Encontro, , na súa dobre sede de San Martiño Pinario e a Cripta do Pórtico da Gloria. Preto de 170 pezas conforman esta mostra exposición impulsada pola Fundación Las Edades del Hombre e a Fundación Catedral de Santiago.  Ás 21.00 horas abrirán tamén a Casa das Máquinas, a Zona C·(antiga casa do Concello) e a Casa do Cabido, con acceso á exposición Ksado, iconas de Galicia da man dos comisarios  Carlos Castelao e Rubén Martínez Alonso. Tamén dende as 21 horas e até as 23 horas, abrirán ademais o Colexio de Fonseca que acubilla a exposición Arte e oficio en Compostela, o legado Ángel e a igrexa da Universidade, onde se poderá visitar a mostra Instrumentos de visión, de Armin Linke. Promovida co gallo do 25º aniversario do IGFAE [Instituto Galego de Física de Altas Enerxías] e os 70 anos da fundación da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN, nas súas siglas en inglés),e comisariada por Mónica Bello, responsable de Arts at CERN, a mostra reúne fotografías do artista realizadas, nas últimas décadas, durante as súas visitas a grandes instalacións experimentais.En paralelo, o paseo Compostela Nocturna ofrecerá a partir das 21.00 horas  e con saída dende a Casa das Máquinas tres percorridos guiados cunha duración aproximada dunha hora para afondar na relación entre Santiago e a noite, unha proposta que axiña esgotou todas as localidades dispoñibles. Ás 21.30 horas arrancará ademais un itinerario fotográfico da man do artista compostelán Manuel Blanco para descubrir espazos e lugares cun atractivo especial e aprender a fotografalos de noite coas cámaras dos dispositivos móbiles. A participación neste caso é libre sen necesidade de reserva e o punto de encontro será a praza de Cervantes.

No marco da liña ‘Patrimonio Agora’ noite de portas abertas esténdese a outros espazos creativos que traballan diariamente na creación e reivindicación dun patrimonio vivo e en constante crecemento. A galería Patio de Luz, abre ao público o seu xardín interior, onde terá lugar unha  intervención luminosa e sonora de LIBREDÓN con composiciónsimprovisadas e vinculadas á exposición colectiva Palestina Existe e Persiste, das artistas Raquel Álvarez, María Xosé Domínguez e Elena Fernández Prada. A ourivaría de Susi Gesto abre tamén as súas portas para que o público poida coñecer as técnicas empregadas pola artista no seu traballo ademais de participar na creación dunha peza colectiva que ten por motivo a regueifa. O Gabinete, espazo de encontro e creación do barrio de Sar amosará algúns dos traballos nel realizados arredor da memoria colectiva e do patrimonio.  O espazo de arte de María Eirasm, Mareiras Art, participa tamén nesta nova edición da Noite do Patrimonio, abrindoas súas portas e promovendo unha conversa artística directa coa súa creadora. E o artista Pablo Barreiro abre á cidadanía as portas de Copia Cerámica para as visitantes que poidan asistir ao vivo ao seu traballo de creación .

MÁIS INFORMACIÓN