

Do martes 29 de abril até finais do mes de maio, o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e a Casa das Máquinas abeiran unha programación que pon o foco nas artes do movemento
A axenda ábrese con Suit(e), un proxecto no que dialogan a danza e a música de vangarda da man da bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo, o violonchelista Millán Abeledo e o compositor Manuel López Jorge que forma parte do ciclo Contemporáneas
Paula Quintas, Julia Laport, Zig Zag Danza, Ana F. Melero e Luna Sánchez, Fil d'Arena, La Petita Mamaluga, Laura Kumin e Janet Novás, son algunhas das intérpretes e compañías que toman parte neste programa con espectáculos e actividades formativas para públicos diversos
Compostela Cultura súmase o vindeiro martes 29 de abril ás conmemoracións do Día Internacional da Danza e bota a andar unha programación arredor das artes do movemento que se estende até finais do mes de maio.
O propio martes, ás 20.30 horas, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle a representación de Suit(e), un proxecto enmarcado do ciclo Contemporáneas que reúne a coreógrafa e intérprete Nuria Sotelo, o violonchelista Millán Abeledo e o compositor Manuel López Jorge nunha proposta que fai dialogar música e danza de vangarda e que parte da arquitectura das danzas barrocas —como a Zarabanda ou o Minueto da Suite núm. 1 para violoncello de Bach— para abrir un espazo de encontro con compositores contemporáneos como Cassadó, Ligeti, Kurtág, Dutilleux, Britten e o propio Manuel López Jorge, que pecha o programa da noite cunha composición de nova creación inspirada na física. Cada peza musical actúa como un territorio emocional e formal que se transforma en movemento, configurando un percorrido que vai do solemne ao surrealista, dunha estétic clásica a unha visión moderna, sempre arredor da beleza e do contrapunto. O acceso é de balde até completar a capacidade da sala.
Paula Quintas toma o relevo o mércores 30 de abril, ás 20.30 horas, para presentar no Teatro Principal o espectáculo Aurora Boreal. Con esta peza leva ao escenario unha reflexión sobre a fugacidade das cousas, a durabilidade dunha obra escénica no marco dunha sociedade de consumo efémero, onde a atención humana cada vez é mais escasa. A partir desa premisa, Aurora Boreal inspírase na danza que realiza a luz nas xeografías nórdicas, esas luminosidades fugaces aparentes, que só acontecen nunha época determinada do ano e de forma tan rápida que provocan unha sensación de serenidade fuxidía: o efémero e o cambiante, onde o obxecto é moi importante en relación co corpo.
A fin de semana garda tres novos espectáculos, dous deles para público miúdo. O 2 de maio, o escenario da Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle Mímesis, de Zig Zag Danza, un espectáculo para nenas e nenos de até 3 anos de idade que se constrúe como un ritual iniciático á vida e no que música, luz e movemento atenden o proceso cognitivo dos máis pequenos. É unha coidada produción internacional realizada entre España e Alemaña, que parte dunha idea: a imitación como vía de relación co mundo. Aprendemos porque repetimos aquilo que vemos. O público acomódase 360 graos arredor da acción nun espazo voluble que convida á atención e o descubrimento. O espectáculo, cun número de localidades moi reducido para mellorar a experiencia creativa das crianzas, conta con pases ás 17 e 18 horas.
Ese mesmo día, ás 20.30 horas, chega ao Teatro Principal Para que non me deixes aquí soa, de Julia Laport. Nun xogo de máscaras e deformidades faciais, a intérprete investiga a perda de identidade e a procura dun outro que poida cubrir esa carencia. As ilusións creadas con luces e sombras e as posibilidades de expandir e deformar o corpo con outros materiais, amplifican o movemento dinámico e preciso do Waacking, transformando a artista nunha masa cambiante, cargada de posibilidades e en constante mutación.
Aínda esa fin de semana, o domingo 3 de maio, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia vira en escenario de Bob Marley for Babies, a segunda parte da triloxía que La Petita Malumaluga iniciou co éxito internacional Bitels para bebés. Catro bailarinas que cantan, ou catro cantantes que bailan, e unha violonchelista interpretan sofisticados arranxos dos grandes temas de Bob Marley, unha das principais iconas culturais afroamericanas do século XX. Unha explosión de enerxía cantada e bailada, onde o público, situado no interior dunha escenografía inmersiva a 360 graos, é en todo momento o protagonista. Haberá funcións ás 10.30 horas, 11.30 horas e 12.30 horas.
A partir das 20.00 horas, a axenda trasládase á Casa das Máquinas cun programa dobre e de acceso libre até completar capacidade que forma parte das actividades que conmemoran os 15 anos de traxectoria do programa Danza a Escena. Dúas propostas, Pies de Gallina e Zenez, transportan o público a un terreo onde a danza contemporánea é vehículo de conexión, presenza e escoita.
Pies de Gallina de Ana F. Melero e Luna Sánchez é a exploración do vínculo entre dúas mulleres, onde o equilibrio entre soster e deixarse soster se converte no núcleo da experiencia. Esta obra de danza contemporánea inspirada nas expresións “ter a pel de pita” e “andar con pés de chumbo”, investiga a delicada fronteira entre o sensitivo e o racional, tecendo unha relación de apoio e vulnerabilidade entre estes corpos. Así, a peza cuestiona e celebra a importancia de ser unha soa para existir en conxunto, destacando a íntima conexión entre as súas intérpretes e creadoras como soporte intrínseco.
A seguir, a compañía Fil d'Arena presenta Zenez, unha peza híbrida de danza e música en directo. Estreada en Dansa València, está interpretada por dúas bailarinas de danza contemporánea e dous músicos. Elas e eles, en escena, comunícanse a través das súas propias linguaxes. Con base na improvisación e o foco no mesmo discurso como forma de viaxar de forma conxunta. Á procura do unísono enerxético, cada intérprete atopa as súas desviacións. Unha deriva común entre movemento, madeira electrónica, texturas, silencio e arranques.
Itinerarios en movemento: análise dunha peza de danza con Laura Kumin
A programación de danza garda aínda novas propostas ao final do mes de maio. A primeira delas, de carácter formativo, ten como protagonista a bailarina e docente Laura Kumin quen conducira un obradoiro para adquirir ferramentas coas que analizar os elementos estilísticos, coreográficos e conceptuais da danza, promovendo desta maneira a comprensión profunda da creación artística e a análise crítica de calquera obra de danza contemporánea. Terá lugar o dia 23 de maio ás 18.30 horas no ambigú do Teatro Principal con acceso de balde previa inscrición (dende o 29 de abril) e limitada a 20 prazas.
A actividade forma parte do plan formativo ‘Itinerarios en movemento’, unha accion que xorde no marco das actividades conmemorativas dos 15 anos do programa Danza a Escena do INAEM.
Foco Janet Novás
A programación de Compostela Cultura En Danza péchase cun foco específicocentrado na coreografa e intérprete Janet Novás. O venres 23 de maio, as 20.30 horas, presenta no Teatro Principal, Proto (SN1806), o resultado dunha investigación de dez anos de traballos en solitario da artista, caracterizados fundamentalmente pola súa relación co enerxético a partir do movemento, a música, a caixa escura, a iluminación e coa mirada do espectador.
O sábado 24, ás 11 horas, Janet Novás conduce no Auditorio de Galicia o obradoiro Mover e facer, no que compartirá a práctica desenvolvida ao longo dos anos como bailarina e performer, baseada en creacións propias e colaboracións con disciplinas como a música, a moda ou o cinema. O laboratorio diríxese a profesionais da danza e a performance e a persoas interesadas na creación e as artes do movemento. Con 20 prazas dispoñibles, é tamen de balde previa inscrición, cuxo prazo abre o 29 de abril.
Venda de entradas
As entradas para o espectáculos, agás para aqueles gratuítos ou de balde previa inscrición, poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. En caso de existir aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán mercar no despacho de billetes do espazo que abeira cada evento dende unha hora antes do seu comezo.