Cinema e poesía, da man na sesión ‘Os papeis do Sr. Zarauza’

O director Alfonso Zarauza e o actor Adrián Ríos fan lectura o sábado na Zona C dunha escolma de textos do cineasta compostelán que inclúe poemas e outros escritos inéditos
A sesión de lectura xorde ao abeiro da exposición que percorre a traxectoria do director, produtor e guionista santiagués

A mostra Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza continúa aberta na Zona C e programa esta semana unha actividade para afondar na ollada e a traxectoria do guionista, director e produtor compostelán Alfonso Zarauza. 

O sábado 31 de maio ás 12 horas, o terceiro andar do edificio situado na praza de Cervantes servirá de escenario para a lectura de textos e poemas do cineasta cos que coñecer outra póla creativa deste polifacético autor. A sesión Os papeis do Sr. Zarauza contará coa voz do propio Zarauza e coa do actor galego Adrián Ríos, coñecido polas súas interpretacións en producións como Rapa, A lei de Santos ou Fariña, e que forma parte dun dos últimos proxectos de Zarauza como produtor, a curtametraxe Monstera.

O acceso é de balde até completar a capacidade da sala.

Un percorrido documentado por 30 anos de cinema

A exposición Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza, botou a andar no mes de abril na que foi outrora a sede do Concello de Santiago para ofrecer un percorrido íntimo e documentado pola longa carreira dun dos autores máis relevantes do audiovisual contemporáneo galego. Comisariada polo propio Zarauza coa colaboración de Ledicia Sola, recolle materiais diversos como carteis, guións, documentos de traballo, fotografías de rodaxe e retratos de intérpretes que hoxe contan cunha sólida traxectoria profesional. 

O título desta mostra que ocupa dous andares na Zona C débese ao gusto do director pola choiva e a climatoloxía santiaguesa -un claro elemento identificativo do seu cinema- e, ao tempo, serve de manifesto dun autor que, afirma, sempre creará “dende Compostela e para o mundo enteiro”. 

Catro seccións percorren aspectos fundamentais da traxectoria de Zarauza. A primeira delas, baixo un título que ecoa un poema de Mallarmé, ‘Unha tirada de dados xamais abolirá o azar’, recolle os seus primeiros tempos como curtametraxista, nunha época que tivo como detonante a azarosa caída nas súas mans dunha caricatura de Rimbaud feita a mans de Verlaine que espertou no daquela adolescente unha vocación pola poesía, que o levaría despois ao cinema. A seguir, a sección ‘Seis longametraxes para conseguir un mundo melancólico’ tece un paseo polos seus filmes máis recoñecidos mentres que a sala ‘Intérpretes’ dirixe o foco ás actrices e a actores recorrentes da súa filmografía, con rostros ben coñecidos como Luis Tosar, Melania Freire, Diego Anido, Ledicia Sola ou Xulio Abonjo. Finalmente, a sección ‘Procesos fímicos’ debulla o proceso de documentación da película Ons para achegar ao público o laborioso traballo que hai detrás de cada filme a través dos materiais que nunca chegan ao espectador.  

A exposición permanecerá aberta ao público até o 7 de xuño e poderá ser visitada de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas até completar capacidade.