Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973) está a celebrar trinta anos facendo filmes, desde Compostela para o mundo.
A mostra Nunca deixará de chover no meu cinema percorre estes anos adicados a unha profesión que o recoñece como un dos autores máis relevantes do audiovisual contemporáneo galego.
Nos diferentes espazos da Zona C amósase unha escolma de materiais feita polo propio cineasta que achega o público ao proceso creativo e técnico que se atopa tras o seu traballo: carteis, guións, documentos, fotografías de rodaxes e de actores e actrices, hoxe xa con longa traxectoria, xunto a outros materiais relacionados co seu traballo, na que será unha experiencia enriquecedora para quen queira afondar no seu traballo.
Unha ollada que é reflexión sobre a propia cidade, sobre esa Compostela na que vive e na que desenvolve moitos dos seus proxectos; esa cidade que é punto de partida e de retorno e na que sendo aínda novo decidiu rodar a súa primeira curtametraxe Hay que joderse (1995). Esta peza, amateur e naif, seria o comezo da súa prolífica carreira.
Zarauza dirixiu seis longametraxes, dúas series de TV e máis de vinte pezas experimentais polas que recibiu diversos premios nacionais e internacionais, entre os que destaca o premio ao mellor director en competencia internacional por La noche que dejó de llover, en Viña del Mar, Chile no ano 2008; e foi tamén premio do xurado no Brussels Film Festival con Os fenómenos en 2014. Fíxose con tres premios Mestre Mateo ao mellor director e acadou o premio Cineuropa en 2020 polo conxunto de toda a súa obra. Na súa filmografía, ademaís da ópera prima La noche que dejó de llover (2008), destacan Encallados, (2012), Os fenómenos (2013), A viaxe dos Chévere (2015), Ons (2020) ou Malencolía (2021). Na actualidade está a preparar un novo filme en Islandia.
O seu labor como guionista valeulle o premio ao mellor guión en competencia internacional en Trieste en 2008 pola coprodución cubano / brasileira A ilha da morte de Wolney Oliveira, o premio no LALIFF (Los Angeles Latino Film Festival) por La noche que dejó de llover, premio mellor guión de longametraxe no Festival Iberoamericano do Ceará (Fortaleza, Brasil) en 2014, por Os fenómenos e o Mestre Mateo a mellor guión por La noche que dejó de llover, Os fenómenos e Ons.
Alfonso Zarauza presenta tamén unha longa traxectoria na produción, apoiando os traballos de cineastas emerxentes. Produciu a ópera prima de Jaione Camborda, Arima, estreada no Festival de San Sebastián, e os filmes Así chegou a noite, de Ángel Santos, La nube del no saber, de Lois Patiño, alén da ópera prima de Ledicia Sola, Nacente.
Descarga o relato biográfico no que Zarauza se achega a unha Compostela na que moitas e moitos nos recoñecemos.