

A exposición “Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Alfonso Zarauza” inaugúrase este mércores 30 de abril ás 19.30 horas no edificio da praza de Cervantes e poderá ser visitada até o 7 de xuño con acceso libre
Comisariada polo propio Zarauza, recolle materiais diversos como carteis, guións, documentos de traballo, fotografías de rodaxe e retratos de intérpretes que hoxe contan cunha sólida traxectoria profesional.
O acto de inauguración contará coa presenza do cineasta, da alcaldesa Goretti Sanmartín, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e de numerosas amizades e profesionais do cinema galego.
O cineasta Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973), celebra tres décadas de traballo como director, produtor e guionista cunha mostra retrospectiva que repasa o seu percorrido creativo.
A exposición, titulada Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza, botará a andar o mércores 30 de abril ás 19.30 h na Zona C (praza de Cervantes) nun percorrido íntimo e documentado pola longa carreira dun dos autores máis relevantes do audiovisual contemporáneo galego. Comisariada polo propio Zarauza, recolle materiais diversos como carteis, guións, documentos de traballo, fotografías de rodaxe e retratos de intérpretes que hoxe contan cunha sólida traxectoria profesional.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e o cineasta Alfonso Zarauza ofreceron este luns unha rolda de prensa para convidar a cidadanía a tomar parte na inauguración do mércores. En palabras da concelleira, “neses documentos que nos falan do íntimo pero tamén do colectivo, que transmiten unha paixón innegable por ese acto fermosísimo que é facer e ver filmes con outros, topamos o retrato de Compostela: da Compostela orgullosa de si da que tanto nos gabamos e que Zarauza captou como merece, desprovista de tópicos e de estampas baleiras”.
Alfonso Zarauza recoñeceuse “fillo espiritual da Compostela dos anos 90, na que empezou a cidade culta, progresista, bohemia e brillante na que aínda vivimos agora. Creo que hai dous tipos de cidades, aquelas cunha política cultural rica, como pode ser Compostela, das que saen cidadáns máis libres; e as que teñen unha política cultural pobre, con cidadáns máis sometidos”. Nesa liña, o cineasta puxo o foco na multitude de creadoras e creadores que habitan en Santiago, ao seu ver “unha cidade de artistas que sobreviven ás veces na precariedade e ás veces na invisibilidade”, e tras considerar “unha grande honra que o Concello me permita saír desa invisibilidade na que vivimos ás veces, quero compartir cos artistas grandes e pequenos de Compostela esta visibilización”.
A cidade de Santiago, escenario vital e creativo do cineasta, ocupa un lugar central na súa cinematografía e está tamén fortemente presente na mostra. Desde a súa primeira curtametraxe amateur, Hay que joderse (1995) realizada en colaboración con Pablo Iglesias Rendo, pasando por títulos recoñecidos como A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2012), Os fenómenos (2013), A viaxe dos Chévere (2015), Ons (2020) ou Malencolía (2021), Zarauza mantén unha mirada íntima e reflexiva sobre a contorna galega, sobre as problemáticas que afectan ao país e as transformacións sociais que este experimenta, entretecidas coas historias de personaxes complexas e próximas que axudan a construír unha memoria colectiva da Galicia contemporánea.
A súa filmografía, recoñecida con premios nacionais e internacionais —como o premio ao mellor director en Viña del Mar ou o premio Cineuropa ao conxunto da súa obra—, sitúao como unha das figuras máis destacadas do cinema galego actual. Ademais, Zarauza combina a dirección co labor de guionista e produtor, apoiando os primeiros traballos de cineastas como Jaione Camborda, Ángel Santos, Lois Patiño ou Ledicia Sola.
Nunca deixará de chover no meu cinema. 30 anos de filmes de Zarauza
A mostra ocupa dous andares da Zona C, no edificio da praza de Cervantes que foi noutrora sede do Concello de Santiago. O título débese ao gusto do director pola choiva e a climatoloxía santiaguesa -un claro elemento identificativo do seu cinema- e, ao tempo, serve de manifesto dun autor que, afirma, sempre creará “dende Compostela e para o mundo enteiro”.
Catro seccións percorren aspectos fundamentais da traxectoria de Zarauza. A primeira delas, baixo un título que ecoa un poema de Mallarmé, ‘Unha tirada de dados xamais abolirá o azar’, recolle os seus primeiros tempos como curtametraxista, nunha época que tivo como detonante a azarosa caída das súas mans dunha caricatura de Rimbaud feita a mans de Verlaine que espertou no daquela adolescente unha vocación pola poesía, que o levaría despois ao cinema. A seguir, a sección ‘Seis longametraxes para conseguir un mundo melancólico’ tece un paseo polos seus filmes máis recoñecidos mentres que a sala ‘Intérpretes’ dirixe o foco ás actrices e a actores recorrentes da súa filmografía, con rostros ben coñecidos como Luis Tosar, Melania Freire, Diego Anido, Ledicia Sola ou Xulio Abonjo. Finalmente, a sección ‘Procesos fímicos’ debulla o proceso de documentación da película Ons para achegar ao público o laborioso traballo que hai detrás de cada filme a través dos materiais que nunca chegan ao espectador.
A mostra dialoga con outras iniciativas que se desenvolven na cidade, como a retrospectiva que acolle dende este sábado a sala NUMAX, coa proxección das súas principais longametraxes e encontros e conversas co equipo creativo dos filmes
Tras a inauguración deste mércores na Zona C, a exposición permanecerá aberta ao público até o 7 de maio e poderá ser visitada de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas até completar capacidade.